A miniserie Mar libre, dirixida por Dani de la Torre, e producida por Ficción Producciones para TVG, suma un novo Premio de ámbito internacional co que foi outorgado polo Xurado do 44º Festival Internacional de Cine de Houston, o WorldFest 2011, que ven de celebrarse na devandita cidade estadounidense.
Lembramos que na Gala dos Premios Mestre Mateo 2010 que tivo lugar o pasado día 17, en Ourense, convocados e organizados pola Academia Galega do Audiovisual, Mar Libre acadou tres das estatuiñas doutras tantas categorías: Mellor Película de Tv, Mellor Deseño de Vestiario e Mellor Interpretación Feminina Protagonista.
Deste xeito, Mar Libre suma premios ós acadados pola representación de toda España neste Festival, que acadou un total de 31 galardóns, o que supón unha boa bagaxe… En total, 1 Gran Remi, 7 Premios Especiais do Xurado –entre eles, Mar Libre-, 5 Remis de Platino, 12 Remis de Ouro, 2 Remis de Prata e 4 Remis de Bronce. Non está mal… E aínda está mellor que Galicia, estivese presente amosando non só unha historia excepcional do noso país, senón tamén os lugares, a paisaxe, os pobos mariñeiros de Galicia. Demóstrase unha vez máis, que o audiovisual galego… vai facendo país alá por onde camiña. De aí, a importancia de seguir considerando este sector como estratéxico, tanto económica como culturalmente.