O CGAI CLAUSURA O CICLO ADICADO A MURNAU COA PROXECCIÓN DE TARTUFO

24 / 02 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, rúa Durán Loriga, 10 baixo) proxecta mañá venres día 25 de febreiro (20.00 horas) “Tartufo” (1925), poñendo fin ao ciclo adicado a Murnau. O acto contará unha vez máis con acompañamento musical en directo coa interpretación do pianista Javier Pérez Castro.

TARTÜFF / TARTUFO

(Alemaña, 1925)

Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Carl Mayer, sobre a obra teatral de Molière. Produción: UFA. Fotografía: Karl Freund. Intérpretes: Emil Jannings, Werner Krauss. Duración: 70 minutos.

Un vello cabaleiro adiñeirado está cada vez máis dominado pola  ambiciosa e despótica ama de chaves, que busca que desherde o neto e lle deixe a ela a súa fortuna. O intelixente neto ten un cine ambulante, que leva á casa do avó. Un día proxéctalle unha versión de Tartufo, comedia de Molière. Produción UFA co gran Emil Jannings de protagonista, tratamentos formais distintos segundo os segmentos narrativos, moi centrado Murnau nos magníficos xogos plásticos e lumínicos.

MURNAU

Morto accidentalmente en Estados Unidos no seu apoxeo mentres sedesenvolvían os primeiros anos do cine sonoro, xusto uns días antes daestrea de Tabú (1931), o cineasta alemán Friedrich Wilhelm Murnau(Bielefeld, 1888-Hollywood, 1931) ­a pesares de ter boa parte da súa obra desaparecida- inscríbese na Historia do cine a través de títulos esenciais como Nosferatu, El último ou Tartufo. Logo de colaborar co prestigioso director teatral Max Reindhart -actor entre 1909 e 1914-, Murnau realiza películas propagandísticas en Suíza e regresa a Alemaña para dirixir con habilidade e de maneira moi persoal obras mestras en pleno período expresionista. Despois de rodar Fausto (1927) afíncase nos Estados Unidos, onde roda a primeira película gañadora do Óscar, Amanecer, e, sobre todo, sortea a parálise creativa xurdida co sonoro polo seu posicionamento estético no que sobresae unha idea: a imaxe por enriba de todo. As súas maneiras fílmicas, ³forma de pintura en movemento², en expresión de Luciano Berriatúa, o abnegado investigador español gran experto na súa produción, determinan o ton do seu traballo, moi capaz de reflexionar sobre os achados do teatro, as artes plásticas e o cine derivado da renovación formulada a partir de Feuillade, Ince ou Griffith. Mestre no uso simultáneo da profundidade de campo e o primeiro termo dramático, audaz no uso dos espazos e nos apartes dos actores, Murnau creaba auténticas liñas de composición visuais e brillantes xogos expresivos onde prevalecía o encadramento sobre a acción, ocasionando unha beleza plástica inesquecible.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: