O director xeral da CRTVG galega, Alfonso Sánchez Izquierdo, suxeriu onte, no Parlamento galego, que o ente supere a súa configuración actual e se converta nun “sistema público de servizos audiovisuais, sexan cales sexan os medios de comunicación que xestione”, e que o seu futuro pase por “aproveitar as propias potencialidades que se abren ao fío do cambio tecnolóxico”. Así o expresou na súa intervención no relatorio da Cámara onde se estuda a reformulación da lexislación que dá soporte á CRTVG.
No seu discurso ante o Parlamento galego, que pecha un ciclo de intervencións polo que pasaron diversos expertos, profesionais e ex-directivos da CRTVG ao longo dos últimos meses, Alfonso Sánchez Izquierdo indicou que os entes públicos de comunicación audiovisual de todo o mundo “gozan hoxe dun renovado apoio institucional porque son vistos polos Estados que os sosteñen como poderosas ferramentas non só para asegurar a cohesión social e cultural de cada país, senón tamén para fortalecer o prestixio e a proxección estratéxica dos respectivos países na actual contorna de globalización”.
No ámbito europeo, o director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia lembrou que, de maneira xeral, os entes públicos audiovisuais rexistran a presión da caída dos ingresos e a que exercen os operadores privados, polo que ven na necesidade de mellorar o labor de concienciación das autoridades políticas sobre a súa misión e sobre a súa contribución á industria cultural europea. A nova lexislación vixente desde o ano pasado en España, apuntou noutro momento da súa intervención Sánchez Izquierdo, sitúa aos medios públicos “centrados na función específica do servizo público, á vez que deixa sobre o papel demasiadas cautelas sobre os sistemas autonómicos”.
En canto á CRTVG, Sánchez Izquierdo destacou que afronta os novos tempos mostrando “uns fundamentos de xestión envexables”. Entre eles mencionou que ten un “baixo custo público se se compara con outras con idéntica misión en España e en Europa”, así como un baixo endebedamento, e representa só o 0,9% do orzamento da Xunta, mentres ofrece uns indicadores de aceptación do público moi favorables na actual conxuntura de *fragmentación de audiencias, así como excelentes prestacións en Galicia e unhas boas capacidades de proxección exterior.
En contraste, a CRTVG ten dous problemas estruturais, engadiu o seu director xeral: o modelo de negocio, pendente de redefinición, e o desequilibrio da estrutura de persoal. Para o futuro, propúxolles aos deputados que estuden se “o sistema público de servizos audiovisuais debe abandonar a idea de televisión convencional” porque, dixo, a sociedade está a evolucionar desde o consumidor pasivo até o usuario interactivo a través de múltiples canles e soportes. O ente, engadiu Alfonso Sánchez Izquierdo, “non pode permitirse deter o seu avance na modernización, e debería empregar todos os medios tecnolóxicos que estean ao seu alcance para ampliar a función de servizo público, desenvolvendo un modelo de xestión baseado en principios de eficacia e eficiencia”.