O CGAI INICIA UN CICLO ADICADO AO PRODUTOR LUIS MIÑARRO

24 / 01 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza mañá martes día 25 de xaneiro (20.00 horas) o ciclo LUIS MIÑARRO PRESENTA  dedicado ao produtor Luis Miñarro (Barcelona, 1949) coa proxección do filme dirixido por el mesmo FAMILY STRIP (2009). O ciclo, composto por 10 producións súas (incluindo 2 traballos dirixidos por el) segue ata o día 16 de febreiro. O propio Miñarro presentará e terá logo un encontro co público na sesión de mañá. A entrada é gratuíta.    

LUIS MIÑARRO PRESENTA 
Procedente do ámbito cineclubista catalán –creador do Cine Club Arts en data tan temperá como 1967-, da publicidade e mesmo da escritura cinematográfica –colaborador en revistas como Dirigido por… ou Destino-, Luis Miñarro (Barcelona, 1949) é un dos fundadores en 1989 da empresa Eddie Saeta S.A. Inicialmente socio, entre outros, da directora Isabel Coixet- a primeira longametraxe da compañía sería Cosas que nunca te dije (1996) e o vínculo seguirá ata o ano 2000-, nun principio o núcleo de traballo pasa pola publicidade e, en segundo termo, os clips musicais.

A partir da chegada do novo século, Miñarro canaliza a través doutra empresa a produción publicitaria, e comeza unha tarefa progresivamente titánica de apoio a autores e propostas insólitas e arriscadas tanto no ámbito nacional (Marc Recha, Albert Serra ou José Luis Guerín) como no internacional (o arxentino Lisandro Alonso, o centenario portugués Manoel de Oliveira e o tailandés Apichatpong Weerasethakul, brillante última Palma de Ouro no Festival de Cannes e ao que o CGAI xa lle dedicou un ciclo en 2006).

Ao tempo que produce estes traballos –aos que vai sumando títulos e autores nunha sorte de ubicuidade xenerosa admirable- e se establece como figura independente única, Miñarro realiza de maneira autoxestionaria dous traballos documentais persoais, a homenaxe familiar Family strip (2009), sobre seus pais, e Blow Horn (2009), atípica viaxe pola espiritualidade consagrada a varios amigos seus. O CGAI, coa colaboración do propio Luis Miñarro, selecciona algúns dos traballos máis estimulantes nos que ten participado, un ciclo que será presentado na súa sesión inaugural por el mesmo.    

Martes 25 de xaneiro (20.00 horas)  
FAMILY STRIP (España, 2009) 
Dirección e guión: Luis Miñarro. Produción: Eddie Saeta SA. Fotografía: Christophe Farnarier e Pablo Pérez de Lara. Duración: 70 minutos. Un pintor, Francisco Herrero, pinta un retrato dos pais de Miñarro mentres o director-produtor fala e propón diversas cuestións. Filme destinado a ser un agasallo familiar de Luis Miñarro a seus pais, case de estrutura improvisada, convertido de modo progresivo e brillante –discreto, conmovedor, sinxelo- nunha crónica xeracional dos que desaparecen, aqueles que foron marcados duramente polo catolicismo e a guerra civil.  

Mércores 26 de xaneiro (18.00 e 20.45 horas) 
LUNG BOONMEE RALEUK CHAT / UNCLE BOONMEE WHO CAN RECALL HIS PAST LIVES / UNCLE BOONMEE RECUERDA SUS VIDAS PASADAS      
(Tailandia-España-Francia-Alemaña-Reino Unido-Holanda, 2010) 
Dirección e guión: Apichatpong Weerasethakul. Produción: Eddie Saeta SA, Anna Sanders Films, GFF, The Match Factory, ZDF/Arte. Fotografía: Yukonton Mingmongkon, Sayombhu Mukdeeprom. Intérpretes: Thanapat Saisaymar, Jenjira Pongpas. Duración: 108 minutos.
Palma de Ouro en Cannes 2010. Unha feliz e exuberante mestura de fantasmas, lembranzas, reencarnacións, regresos, soños, itinerancias ou visións que parte dun suposto ambicioso, a idea de que as seis bobinas que compoñen a película teñen un estilo e tratamento estilístico distinto (circunstancia que non importa nin impide gozar da fascinación emanada da película). O tío Bonnmee sofre unha insuficiencia renal aguda e decide pasar os derradeiros días entre os seus no campo. Para a súa sopresa, os fantasmas da muller falecida e o fillo desaparecido vánselle aparecendo e parecen protexelo.    

Xoves 27 de xaneiro (18.00 e 20.45 horas)  
HONOR DE CAVALLERÍA (España, 2006)
Dirección e guión: Albert Serra. Produtor: Albert Serra. Produción: Notro Films S.L., Eddie Saeta S.A., Anderground Films S.L. Fotografía: Christophe Farnarier, Eduard Grau. Intérpretes: Lluís Crabó, Lluís Serrat, Albert Pla, Xavier Gratacós.  Duración: 103 minutos.
Participante na Quincena de Realizadores en Cannes, filmada en formato dixital e integramente en exteriores con actores non profesionais, é unha insólita e persoal aproximación ao mito de Don Quixote (definida polo seu creador como a primeira película sobre o Quixote feita por xente quixotesca) que partindo dos personaxes principais da obra e con dúas escenas entresacadas do libro, permite indagar nos dilemas da creación moderna, do relato baleiro aos distintos fluxos narrativos, a contemplación, o desprendemento, a captación de atmosferas cheas do cotián.  

Venres 28 de xaneiro (18.00 e 20.45 horas) 
BOLBORETA, MARIPOSA, PAPALLONA (España, 2006) 
Dirección e guión: Pablo García. Produción: Eddie Saeta SA, Doble Banda SL, TVG, Ficción Producciones, Televisiò de Catalunya. Fotografía: Marc Cistaré. Intérpretes: Fele Martínez, Tzeitel Rodríguez. Duración: 87 minutos.Un director de cine indaga sobre o fracaso da súa última película. Nunha viaxe a unha vila mariñeira, escenario da súa obra inconclusa, dirixe a cámara sobre o cotián, o amor, o tempo, o delicado fluír do coñecemento; os sorrisos e complicidades entre a infancia e os adultos; o mar e os prados. Na procura de solucións para a súa película, o director atopará a resposta nas mesmas preguntas que relacionan cine e vida. E da man dos cativos vai debullarse unha nova e marabillosa historia. Sobre a vida.

Martes 1 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)  
LA MOSQUITERA (España, 2010) 
Dirección e guión: Agustí Vila. Produción: Eddie Saeta SA. Fotografía: Neus Ollé-Soronellas. Intérpretes: Emma Suárez, Eduard Fernández, Geraldine Chaplin, Fermí Reixach. Duración: 95 minutos. Terceira longametraxe do singular Agustí Vila, despois d´Un banco en el parque (1999) e 3055 Jean Leon (2006). Claustrofóbica reflexión sobre os códigos de supervivencia que elude todo tratamento convencional para centrarse nun dos temas clave do mellor cine español, a disección da célula familiar. Unha familia en crise, cuxos membros viven atrapados nun mundo de culpa e sentimentos enfrontados. Un adolescente refuxiado no silencio rebélase contra o mundo dos adultos, exemplificado nos pais, Alicia e Miguel, e María, unha anciá con Alzheimer. O rapaz acolle todo tipo de animais e todos parecen atrapados por unha rede invisible que os illa, o mosquiteiro.   

Mércores 2 de febreiro (18.00 e 20.45 horas) 
LIVERPOOL (Arxentina-Francia-Holanda-Alemaña-España, 2008) 
Dirección: Lisandro Alonso. Guión: Lisandro Alonso e Salvador Roselli. Produción: 4L, Fortuna Films, Slot Machine, Eddie Saeta SA. Fotografía: Lucio Bonelli. Intérpretes: Juan Fernández, Giselle Irrazabal. Duración: 84 minutos. Farrel é un mariñeiro que chega a un porto no extremo sur da Arxentina, en Ushuaia, un lugar frío e fermoso, situado na chamada Terra do Fogo. Farrel decide visitar a vila do seu nacemento e ver a súa nai. O pasado, os recordos, quizais reproches acumulados, como di o propio director: “Liverpool déixame cunha impresión de tenrura, máis feminina, máis bonita, máis narrativa, pero ás veces un pouco cruel”. Película gañadora no Festival de Xixón 2008.  

Martes 8 de febreiro (18.00 e 20.45 horas) 
FINISTERRAE (España, 2010) 
Dirección e guión: Sergio Caballero. Produción: Eddie Saeta SA, Advanced Music SL. Fotografía: Eduard Grau. Intérpretes: Claudia Schneider, Pablo Nubiola. Duración: 80 minutos.
Dous fantasmas peregrinan cara a Finisterre coa intención de reencarnarse. Elaborado e orixinal filme de carreteira que subverte toda unidade narrativa e concíbese honestamente como símbolo publicitario e complemento ao Festival Sónar 2010.   

Mércores 9 de febreiro (18.00 e 20.45 horas) 
AITA (España, 2010) 
Dirección: José María de Orbe. Guión: José María de Orbe e Daniel Vázquez Villamediana. Produción: Eddie Saeta SA. Fotografía: Jimmy Gimferrer. Intérpretes: Luis Pescador, Mikel Goenaga. Duración: 85 minutos. A segunda longametraxe de José María de Orbe, logo dun título tan suxestivo como La línea recta (2006), foi premiada en San Sebastián 2010 (fotografía). Un regreso-exploración polos recunchos dunha casa na que parecen revelarse os ancestros vascos (e unhas imaxes do cine primitivo) que nos sinala o poder das imaxes ao tempo que funde o íntimo, o antropolóxico e o colectivo. Unha vella casa deshabitada, un garda que a coida, o cura do lugar, os espazos, sons, luces, sombras nunha narración que reverbera, rica en significados, en moitas direccións.    

Martes 15 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)  
O ESTRANHO CASO DE ANGÉLICA (España-Francia-Portugal-Brasil, 2010) 
Dirección guión: Manoel de Oliveira. Produción: Eddie Saeta SA, Filmes do Tejo, Lusomundo, RTP e Les Films de l´Après Midi. Fotografía: Sabine Lancelin. Intérpretes: Ricardo Trepa, Pilar López de Ayala, Filipe Vargas. Duración: 97 minutos. Isaac, un fotógrafo de pasado misterioso, chega nos anos 50 a unha vila portuguesa. Alí, en plena noite, recibe o estraño encargo de realizar o último retrato dunha moza que acaba de finar, Angélica, falecida logo da súa voda. Un vello e censurado proxecto de Oliveira –escrito inicialmente en 1954- que contén elementos autobiográficos e permite seguir a traxectoria, practicamente sobrenatural e máis alá da vida e a morte, do seu autor. A obsesión polo ser amado, o pracer estético e a finitude son algunhas das grandes cuestións formuladas no filme.  

Mércores 16 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)  
BLOW HORN (España, 2009) 
Dirección: Luis Miñarro. Guión: Luis Miñarro e Lama Jinpa Gyamtso. Produción: Eddie Saeta SA. Fotografía: Christophe Farnarier. Duración: 75 minutos.  Filme documental resolto como un Mandala, termo sánscrito que designa os diagramas circulares simbólicos propios do pensamento budista e hinduísta, e homenaxe de Miñarro a aqueles que intentan explorar o propio interior en beneficio dos demais. Seguimento dun grupo de amigos do director –que emerxen do seu retiro espiritual para emprender unha viaxe á India- coescrito co protagonista, o Lama Jinpa Gyamtso, procedente de Terrassa, monxe desde 1989, director de varios centros de budismo tibetano en España. Un traballo que tende á abstracción como meditado resultado de máis de 30 horas de gravación e que estivo presente nos certames de Locarno e Xixón 2009.

Categoría: Novas
Etiquetas: