O MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA GAS NATURAL UNIÓN FENOSA CONVOCA UN CURSO SOBRE A HISTORIA DA FOTOGRAFÍA NO CINEMA

13 / 01 / 2011

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Unión Fenosa vén de convocar unha nova acción formativa. Neste caso, o profesor Xosé Garrido será o encargado de dirixir un curso sobre a Historia da Fotografía no Cinema. Este curso expón un extenso percorrido pola historia da fotografía cinematográfica, analizando a evolución industrial, tecnolóxica e artística do medio, as súas principais escolas e estéticas históricas e o desenvolvemento das diferentes linguaxes e formas expresivas.

Dividido en catro partes, inclúese un módulo introdutorio de carácter técnico que ten como obxectivo familiarizarnos coas tecnoloxías de iluminación e o seu vocabulario habitual. O curso é eminentemente teórico. Todo o contido que se vai desenvolvendo ao longo do mesmo está constantemente apoiado por abundante documentación gráfica e audiovisual co obxectivo de verificar todo o que nel se imparte. O curso está orientado en principio a todo aquel que estea interesado pola fotografía, a imaxe, o cinema e os medios audiovisuais en xeral, estudantes de BB.AA., historia da arte, ciencias da información e de calquera outra ensino que teña como materia de estudo a arte, a imaxe e o cinema, desde perspectivas tanto teóricas como prácticas.

DATAS

28 – 29 de xaneiro

25 – 26 de febreiro

25 – 26 de marzo

29 – 30 de abril

HORARIO

venres de 17:00 a 21:00 horas

sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas

PREZO DO TALLER

O prezo total do taller completo será de 110 euros e abonarase por anticipado en dous prazos. As prazas serás limitadas.

Categoría: Novas
Etiquetas: