Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) e Cineclube Padre Feijóo alían as súas forzas para garantir unha programación estable de películas alén do circuito comercial. “Baixo o título xenérico de 2011: Un espazo de Cine”, a presidenta do Consorcio Festival de Cine de Ourense e concelleira de Cultura, Isabel Pérez, presentaba esta mañá “unha ambiciosa colaboración que lles vai permitir aos cidadás de Ourense disfrutar de cine de calidade todos os mércores do ano”.
Artellada ao redor de ciclos temáticos mensuais, cobre unha demanda “histórica” por parte do público cinéfilo da cidade, en palabras do director de Programación do OUFF, César Silva. Así, e dende o mes de xaneiro, irán proxectándose retrospectivas temáticas etiquetadas como cine social, británico, muller, música, teatro (coincidindo coa celebración da Miteu), galego (na semana posterior á entrega dos premios Mestre Mateo da Academia de Cine que se celebra o 16 de abril en Ourense), e oriental. Ciclos que aúnan “coherencia e calidade cinematográfica”, segundo Manuel Precedo, secretario do Cineclube Padre Feijóo, e que incluirán títulos recoñecidos nos mellores festivais do mundo así como perlas do certame ourensán. Entre eles, “Un profeta”, de Jacques Audiard, co que se abre a programación e considerado por moitos críticos coma unha das mellores películas da historia pese á súa recente estrea.
Todas as películas serán proxectadas os mércores en dobre pase [ás 20:30 e ás 23:00 horas] nos Cinebox, e a entrada terá un custe de 4 euros (3 para estudantes con carné universitario e maiores de 65 anos).
Cine e Muller, ciclo especial
Á presentación do tríptico para o primeiro trimestre tamén acudiu Marta Arribas, concelleira de Igualdade, quen salientou o papel do “cinema como ferramenta de sensibilización social”. Neste caso, a programación escapa dos mércores para facer un ciclo intensivo nos tres primeiros días de marzo (co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, o 8/03) en sesión única ás 20:30 h e de acceso gratuito.