ANDRÉS BARBÉ, DE FORMATO PRODUCIÓNS, RELEVA A ANTÓN REIXA COMO PRESIDENTE DO CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO

23 / 12 / 2010

Andrés Barbé, de Formato Producións, foi elixido, por unanimidade, novo presidente do Clúster Audiovisual Galego, en substitución do tamén produtor Antón Reixa, durante a Asemblea Xeral Extraordinaria do organismo celebrada o 21 de decembro, en Santiago. A substitución prodúcese despois de que o CLAG lograse superar algúns problemas económicos.
 

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) ten novo presidente. Onte, nunha Asemblea Xeral Extraordinaria, foi elixido para ese cargo Andrés Barbé, o presidente do produtora Formato Producións. O nomeamento prodúcese tras a renuncia do presidente saínte, Antón Reixa, quen dirixiu esta institución desde o ano 2005, e ao que aínda lle faltaban dez meses para esgotar o seu mandato, tras ser reelixido como máximo dirixente do Clúster en 2008. No acto, Reixa agradeceu a colaboración prestada por Andrés Barbé nestes últimos meses e desexou “longa vida ao Clúster”. Pola súa banda, Barbé, durante a súa primeira intervención como máximo responsable do CLAG, un cargo que ocupará durante o próximos tres anos, agradeceu a confianza depositada nel polo resto de asociados e dixo asumir este mandato con “esperanza”. Tamén adiantou a súa aposta polo Clúster como “un club de negocios” e pola viabilidade de “un proxecto no que cremos todos desde hai anos”. Así mesmo, manifestou o seu interese en contar coa colaboración de todos os socios, aos que animou a presentar as súas propostas para enriquecer a actividade do Clúster.

Na Asemblea Xeral Extraordinaria de onte tamén se ratificou, por unanimidade, á nova Xunta Directiva do CLAG, que estará integrada por tres vicepresidentes (Celestino Hermida, director-xerente de Area 5.1 Factoría Audiovisual, Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual, e Inmaculada Castaño, delegada de Filmax en Galicia); por un tesoureiro (Orestes García, director xeral de Arantia 2010); e por unha secretaria (Mar Varela, xerente do CLAG). Completarán a nova Xunta Directiva oito vocais, en representación das áreas de Mercadotecnia e Internacionalización, Desenvolvemento Tecnolóxico, I+D+I e Contidos. O presidente de Filmax, Julio Fernández, continuará como presidente honorífico do Clúster. O cambio na presidencia do CLAG, que foi creado en febreiro de 2003, e que conta na actualidade con 47 empresas do sector audiovisual galego asociadas, prodúcese despois de que o organismo lograse superar os problemas económicos sufridos durante os últimos meses. Na actualidade, este ente dispón dun plan de viabilidade a cinco anos, que garante a continuidade do proxecto.

Categoría: Novas
Etiquetas: