A PELÍCULA “TEMPLARIO. O SEÑOR DE BEMBIBRE” AVANZA FIRMEMENTE COA REALIZACIÓN DUN PROTOTIPO PREVIO Á RODAXE PREVISTA EN 2011

14 / 12 / 2010

A produtora galaico-berciana BIERZO PARADISO presentou o pasado sábado en pase privado o primeiro prototipo da película Templario. O Señor de Bembibre; no curso dunha proxección e sesión de traballo destinada exclusivamente a persoas implicadas no proxecto. O prototipo analizado é o resultado das probas técnicas realizadas en novembro e que, en palabras do seu director, Valentín Carreira, “é o primeiro molde da película, que constitúe un paso firme no proceso de maduración deste ambicioso proxecto cinematográfico”.

O acto tivo lugar no Ouro de Roma de Carracedelo, e contou coa participación dun centenar de persoas: profesionais do cinema e a cultura berciana como o director Chema Sarmiento, a xornalista Yolanda Ordaz ou o escritor e filósofo Aniceto Núñez; boa parte do equipo técnico e artístico do prototipo, e institucións e autoridades que apoian desde o primeiro momento a posta en marcha da película: Concellos de Carracedelo, Bembibre, Priaranza, Deputación de León, Consello Comarcal do Bierzo e o senador Fidel Cerezales, entre outros. Como anfitrioa do acto, interveu a alcaldesa en funcións de Carracedelo, Amparo Vidal, quen manifestou en nome da corporación municipal o seu apoio á película.

O director Valentín Carreira falou con emoción dun proxecto que quere “que O Bierzo, as historias e as paisaxes da nosa terra entren pola porta grande, e coa alfombra vermella, nas salas de cinema de España e de todo o mundo; que O Bierzo chegue en forma de película a millóns de espectadores.” Carreira sinalou ademais que o traballo realizado co prototipo “reafírmanos na convicción de que a película é posible, na vontade e na decisión de facela. Haberá que traballar duro, ninguén dixo que sexa fácil, pero é posible e ímolo a conseguir.”
 

Categoría: Novas
Etiquetas: