RECOÑECEMENTO INTERNACIONAL PARA “LA NIÑA QUE TENÍA UNA SOLA OREJA”EN CANADÁ E PERÚ.

29 / 11 / 2010

“LA NIÑA QUE TENÍA UNA SOLA OREJA”recibiu a semana pasada a Mención de Honra Internacional no 11 Alucine Toronto Latin Filme & Media Arts Festival de Canadá e o Premio infantil internacional do 7 Festival Internacional de Curtametraxes de Cusco (Perú). Completando este éxito internacional, a cinta alzouse co premio a mellor curtametraxe de animación no Festival de Curtametraxes Enkarzine no País Vasco.

 

Tras un ano desde a estrea da curtametraxe no Teatro Jofre de Ferrol, “LA NIÑA QUE TENÍA UNA SOLA OREJA” leva acumulados 18 premios en Festivais de cinema nacionais e internacionais e participou en máis de 70 festivais cinematográficos, estando presente en diferentes países como Tailandia, Australia, Canadá, EEUU, Arxentina, Brasil, México, Alemaña, Francia e Italia, completando así un ano de gran éxito. En Galicia conseguiu o máximo galardón na categoría de animación en Ourense, Cans, Vilagarcía de Arousa, Sada e Ponteareas, así como un nomeamento aos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Tamén en festivais nacionais tivo diversos recoñecementos destacando os premios en Madrid, Sevilla, Valencia, Castelló e Tenerife.

Esta historia de animación producida por Rubén Coca conta co apoio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e o Padroado de Cultura do Concello de Narón. Baseado no conto da escritora Lucía Etxebarría “La fantástica niña pequeña y la cigüeña pedigüeña”, conta con ilustracións de Víctor Coyote e con Álvaro León na dirección.

“LA NIÑA QUE TENÍA UNA SOLA OREJA” é un conto infantil orientado a todos os públicos debido á súa clara vocación divulgativa e de concienciación cara ao respecto ás diferenzas entre os seres humanos.  Para dar vida a esta historia empregáronse diferentes técnicas narrativas de animación, desde a máis tradicional baseada no uso de marionetas, collages e sombras chinesas,  até chegar ás técnicas máis avanzadas de STOP MOTION, 3D e CGI.

Etiquetas: