A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PRESENTA A CUARTA EDICIÓN DO SEU ANUARIO “PAPEIS DA ACADEMIA”

22 / 11 / 2010

A Academia Galega do Audiovisual presentou esta mañá o seu anuario “Papeis da Academia”, que cumpre a súa cuarta edición e que da conta da labor desta institución no último ano así como dos fitos importantes do sector audiovisual en Galicia. No acto, que tivo lugar no Teatro Principal en Santiago de Compostela, estiveron presentes o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira “Pico”; Nani García, vogal de AGA; o compositor musical Arturo Kress; e o director de Cineuropa, Jose Luis Losa.

O libro que recolle o traballo desenvolvido entre xullo do 2009 e xuño do 2010 preséntase co claro obxectivo de divulgar os esforzos de AGA por protexer os intereses comúns de todos os que traballan no sector audiovisual galego así como a defensa do seu prestixio, a profesión e mesmo a industria cultural. Ademais, “Papeis da Academia” vén acompañado nesta edición cun cd coa recompilación da mellor música de Arturo Kres, unha iniciativa “Músicas da Academia” que cumpre a súa terceira edición.

Con este anuario, AGA pretende contribuir a unha das funcións principais da Academia, que non é outra que o coñecemento. Nas súas páxinas, recóllese o traballo realizado pola academia neste último ano así como as mesas realizadas dentro do Foro Academia Aberta 2009 ou os Premios Mestre Mateo, con artigos dos profesionais galardoados nos mesmos. O repaso aos mellores festivais do audiovisual de Galicia tamén forman parte desta recompilación.

No apartado de opinión, “Papeis da Academia” conta coas colaboracións de Anxo Quintanilla, director-xerente do Consorcio do Audiovisual de Galicia; Alfonso Sánchez Izquierdo, director da compañía CRTVG; Oliver Laxe; Antonio Mourelos; Piti Sanz ou Antón Reixa; entre outros.

No apartado das producións, Mr Misto desenvolve o seu artigo sobre a Campaña de promoción turística Artabriños; Virginia Ramírez fai o propio sobre a súa curta de animación en 2D Killers and Lovers; María Yáñez profundiza no proxecto Augmented Films, un novo camiño para a experiencia audiovisual; Mario Iglesias escribe sobre a súa experiencia no Festival de Tokio e, para rematar, o libro recolle unha ficha das produccións realizadas ao longo deste último ano e que foron presentadas aos Premios Mestre Mateo.

“Papeis da Academia” tamén recolle a intervención do presidente da Academia, Xosé Manuel Olveira “Pico” en representación da Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego e da Academia, en xullo do 2009, perante o Parlamento Galego a respecto da reforma da Lei da CRTVG. O intercambio coa Acadèmia de Cinema Catalá é outro dos apartados aos que se fai referencia no libro, unha iniciativa coa que as dúas institucións realizan un convenio de colaboración para proxectar aquí os premiados nos Gaudí e que en Cataluña podan gozar cos galardonados nos Mestre Mateo.

Para rematar, o anuario fai unha homenaxe aos académicos falecidos no último ano, entre os que se atopan Carlos Couso, Alberto Fernández, Moncho Monteagudo, Andrés Pazo, Abelardo Pérez, Pepe Rubianes e Tuto Vázquez.

O libro, conta cola colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, o Consorcio Audiovisual de Galicia e o Concello da Coruña.

Etiquetas: