O FORO ACADEMIA ABERTA REMATA A SÚA PROGRAMACIÓN CUNHA XORNADA ADICADA AOS CREADORES

18 / 11 / 2010

O Foro Academia Aberta pechará a súa oitava edición, baixo o título “Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer”, cunha xornada adicada aos “Creadores”. O coloquio terá lugar mañá xoves ás 18.00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela e contará coa presenza de Albert Serra, Ángel Santos Touza, Mario Iglesias e Olaia Sendón. A mesa estará moderada por X. Manuel Sande.  

O Foro Academia Aberta, organizado pola Academia Galega do Audiovisual e que nesta edición cumpre oito anos, leva por título  “Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer”. O evento, coordinado polo académico Manolo González, afondará no problema da crise económica estructural e en como potenciar as dificultades para convertelas en oportunidades de éxito apoiándose, sobre todo, na creatividade e na innovación. Estas xornadas están patrocinadas pola Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación Caixa Galicia e conta coa colaboración de Cineuropa e a Vinoteca o Beiro

Programa xoves
A pesares da crise xeral no que está sumido o sector, existen creadores que seguen sacando adiante os seus filmes baixo a etiqueta “de baixo orzamento” e acadando importantes éxitos dentro e fora das nosas fronteiras. Outra cuestión a ter en conta é se estas novas alternativas que se nos presentan nos obrigarán a buscar tamén alternativas na elección de historias, nas formas narrativas ou mesmo na forma en que o público demanda produción audiovisual.

Expoñen:
– Albert Serra. Director.
Fai a súa primeira longametraxe en 2003, “Crespià, the film not the village”, que non se chegou a estrear comercialmente. “Honor de Cavalleria”, a súa segunda película presentouse no Festival Internacional de Cine de Cannes, no que o cineasta é querido e apoiado e onde deu a coñecer toda a súa filmografía. Este filme estivo case dous anos en cartel en Francia e gañou o V Premio Barcelona de Cine á mellor dirección novel é a mellor película en versión orixinal en catalán. En 2008 grava “El cant dels ocells”, Premio Gaudí en 2009 á Mellor Película. Prepara o seu próximo proxecto no que por primeira vez traballará con algún actor profesional e que será unha adaptación mesturando o mito de Drácula, Casanova e os libertinos do século XVIII.

– Ángel Santos Touza. Director.
Realiza curtametraxes nos máis diversos formatos dende 2002,entre as que destaca “O Cazador” (Matriuska Producciones, 2008), adaptación dun relato de Anton Chéjov. Actualmente atópase na fase de posprodución da súa primeira longametraxe “Dos fragmentos/ Eva”, protagonizada por Iria Pinheiro, Isak Ferriz e Fernando Tielve e producida por Matriuska Producciones. Imparte regularmente cursos e charlas sobre cine e, dende 2005, é membro da redacción da revista dixital de análise cinematográfica ‘Miradas de Cine’.

– Mario Iglesias. Director.
Comeza a súa andaina no audiovisual a finais dos 90 no mundo da curtametraxe, xa premiado dende entón en diferentes festivais. A partir de 2005 monta a súa propia produtora e comeza a realizar longametraxes. O seu primeiro título é “De bares”, Premio Especial do xurado no Festival de Cine Independente de Ourense, na Sección Punto de Encuentro da “Seminci” en Valladolid, na Sección Oficial no 24º Festival EuropaCinema de Viarieggo (Italia), Montpellier, Bogocine de Bogotá e varios festivais internacionais máis. Despois virían a dirección, guión e montaxe de “Catalina”, “Cartas italianas” ou “Relatos”, filme seleccionado na Sección oficial do Festival de Tokio, sección “Made in Spain” do Festival de San Sebastián e cualificada pola Internacional FilmGuide entre as cinco mellores películas españolas do 2009. Na actualidade está na fase de realización da súa última longa, “Rosario”.

– Olaia Sendón. Documentalista
É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e dende o ano 2003 profesora na Escola de Imaxe e Son da Coruña. No ano 2006 realiza un documental chamado “A Casa de Lola de Andrés”, que pese ao seu limitado orzamento alcanza certa repercusión. No 2007 nace “Os fabulosos irmáns da luz” que, como parte de Derradeira Sesión, viaxa, entre outros lares, ao SQHContemporary (Shanghai). Fóra do ámbito documental, realiza traballos para Berrogüetto cunha peza audiovisual que se inclúe no disco Kosmogonías, e unha das instalacións que conforman o traballo “Pequenas superficies” (pendente de estrea) foi elixida para formar parte da 11 Mostra internacional Gas Natural Fenosa.

Modera: X. Manuel Sande. Programador do CGAI

Categoría: Novas
Etiquetas: