O CONCELLO DE TOURO CONVÉRTESE NO ESCENARIO DUNHA CURTAMETRAXE PROTAGONIZADA POR UXÍA BLANCO

8 / 11 / 2010

Touro acollerá a gravación dunha curtametraxe interpretada por unha das súas veciñas máis célebres, Uxía Blanco. A actriz galega adaptará a historia relatada por Xosé Neira Vilas na novela titulada “Querido Tomás”.

 

A gravación está prevista para os próximos días 13 e 14 de novembro, sempre e cando as condicións climatolóxicas o permitan. A localización principal elixida é a casa natal da protagonista de “Sempre Xonxa”, situada no lugar de Loxo, así como tamén os arredores naturais da mesma. Ademais, está previsto rodar algunhas secuencias nas Illas de Gres.

A curtametraxe, que realiza a produtora independente SAGA TV S.L., conta coa colaboración do Concello de Touro como única axuda institucional. A gravación farase na máxima calidade vídeo, en Alta Definición (HDCAM) cun equipo técnico integrado por oito profesionais.

Uxía Blanco encarnará a Sara, o personaxe ideado por Neira Vilas; unha mestra de pobo que nunca conseguiu refacer a súa vida trala marcha do seu amor, Tomás, que un bo día decidiu emigrar e nunca máis regresou.

SAGA TV S.L. é unha compañía afincada en Cacheiras, Teo, que leva máis dunha década dedicada á produción independente. SAGA TV conta entre outros co premio Mestre Mateo 2003 á Mellor Curtametraxe de Ficción por “O Derradeiro Grolo” e tamén co Premio do Público Calpurnia no Festival de Ourense do 2004 por “Lobos”.

Etiquetas: