O CGAI PROXECTA A MINISERIE “LA MAISON DES BOIS” DE MAURICE PIALAT

23 / 09 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxecta mañá venres día 24 de setembro ás 18.00 horas a miniserie de Maurice Pialat La maison des bois (1971), un memorable traballo de seis horas que pasa por ser unha das obras mestras da súa carreira.


LA MAISON DES BOIS     
(Francia, 1970-1971)
Dirección: Maurice Pialat. Guión: René Wheeler, Maurice Pialat, Yves Laumet e Arlette Langmann. Produción: ORTF, Son et Lumière. Fotografía: Roger Duculot. Intérpretes: Pierre Doris, Jacqueline Dufranne. Duración: 360 minutos.
Obra maior e pouco coñecida do seu autor, La maison des bois é unha miniserie ou folletín ambientado en plena I Guerra Mundial (1914-1918), rodado en 16 milímetros e composto por sete episodios de duración desigual. A vida cotiá dunha serie de personaxes nunha pequena localidade francesa durante a guerra, entre eles dous gardas forestais, o pequeno Hervé, Albert Piccard ou Mamá Jeanne permite unha coidada e deliciosa composición de planos ben medidos, sen restricións e na liña de depuración narrativa habitual no seu autor, o que permite os estudos de corpos e o balanceo de actores filmados (entre eles o propio Pialat) no encadre cunha liberdade formal lonxe dos canons televisivos. O director recupera a Michel Tarrazon, o inesquecible cativo de L´enfance nue.  

Categoría: Novas
Etiquetas: