‘UNIVERSO CREBINSKY’ ARRANCA EN ORTIGUEIRA UNHA XIRA DE MÚSICA E CINE QUE TRASLADA O AMBIENTE DO FILME ÁS PRINCIPAIS CIDADES GALEGAS

6 / 07 / 2010

Este verán o ‘Universo Crebinsky’ vai empapar as cidades e vilas de Galicia de bo cine e boa música. Ata media ducia de localidades galegas chegará entre xullo e outubro este espectáculo único que inclúe un pasarrúas, a proxección da película Crebinsky, unha das propostas máis agardadas do cine galego, e un concerto a cargo da Banda Crebinsky, responsable da banda sonora de filme.

A xira arranca este xoves 8 de xullo no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Será a primeira oportunidade para ver completa a película dirixida por Enrique Otero, que se pasará ás 18 horas no Teatro da Beneficencia, precedida dun pasarrúas da Banda Crebinsky polas rúas e prazas da vila. Ao final da proxección, a banda ofrecerá un concerto no propio teatro. O venres 9 haberá outras dúas oportunidades de ver a película e escoitar a banda, ás 17 e ás 20 horas, de novo no Teatro da Beneficencia. O último pase do filme en Ortigueira terá lugar o domingo 11 de xullo ás 19 horas.

Universo Crebinsky bota a andar en Ortigueira pola significación especial que esta comarca ten na película. En diferentes paraxes do Ortegal foi rodado boa parte do filme producido por Control Z, Chévere Visión e Zircozine, e desta comarca é o seu director, Enrique Otero.

A xira Universo Crebinsky

A xira que se inicia en Ortigueira conta co patrocinio do Xacobeo e dos concellos das cidades ás que vai chegar o espectáculo, ademais do apoio de Gadis. Xa están confirmada a presentación de Universo Crebinsky en Ourense, Pontevedra ,A Coruña e Lugo. A vindeira cita de Universo Crebinsky é o 16 de xullo en Ourense.

Na xira Universo Crebinsky o protagonismo repártese ao 50% entre música e cine. O universo creativo dos Crebinsky cobra vida nesta proposta singular, un formato novidoso para presentar a película ao público. O filme embárcase nunha xira de presentacións acompañando o ritmo frenético da Banda Crebinsky. En outubro abrirá a XV edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, para despois iniciar a súa distribución en salas de cine a partir do outono.

A Banda Crebinsky

O grupo responsable da banda sonora ofrece en directo a súa mestura de paisaxes cinematográficas cos ritmos frenéticos do Leste de Europa. É a Banda Crebinsky, formada por oito músicos que ataviados cos uniformes de banda de música soviética da época ofrecen boa música e moita festa para envolver ao público no ambiente da película.

A banda está encabezada por Pablo Pérez, compositor, contrabaixo, responsable dos arranxos e autor da banda sonora, e o bielorruso Vadim Yukhnevich, voz e acordeón. Completan a formación Fernando Abreu (clarinete), Carlos Castro (vibráfono e percusión), Xacobe Lamas (violín), Miguel Queixas (batería), Pablo Rega (guitarra) e Enrique Otero, director da película (teclados).

Crebinsky: a película

Crebinsky é unha das películas máis esperadas do ano en Galicia. Unha longametraxe rodada en catro idiomas que conta a singular aventura de dous irmáns que inician unha busca desesperada na que rematan por atopar o que menos esperan. Definida polos seus creadores Enrique Otero e Miguel de Lira como “realismo fantasioso”, constitúe unha persoal e delirante historia que destila un humor entrañable.

As tribulacións dos irmáns Crebinsky acaban por envolvernos e emocionarnos nesta peza na que se conxugan unha exquisita fotografía, unha coidada ambientación e unha delicada banda sonora. A película, protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, conta cun elenco de luxo formado por Luis Tosar, Celo Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán entre outros.

Categoría: Novas
Etiquetas: