MAÑÁ COMEZA O CICLO DE CINE FILIPINO NO CGAI

23 / 06 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza mañá xoves 24 de xuño o ciclo CINES DEL SUR: CINE FILIPINO 1976-2009 coa proxección de BAYAN KO: MY OWN COUNTRY (1985), un dos titulos máis célebres firmado polo lendario cineasta filipino Lino Brocka (1939-1991). A retrospectiva segue no mes de xullo con títulos de Eddie Romero, Kidlat Tahimik, Lav Díaz, Nick Deocampo, Jeffrey Jetturian e Laurice Guillen e está organizada en colaboración co Festival Cines del Sur de Granada, a Filmoteca de Andalucía, Filmoteca de Catalunya e IVAC-La Filmoteca de Valencia.

Filipinas –tal e como amosa o xenial Raya Martin nas súas reconstrucións ficticias dun legado inexistente- non o ten fácil á hora de situar e/ou clarificar o seu patrimonio histórico-fílmico, xa que non posúe documentos cinematográficos anteriores a 1937, co que décadas enteiras de produción están perdidas. A súa exportación exterior, vía festivais, acontece a partir dos anos setenta coas conseguintes dificultades de seguimento e análise dos seus autores e tendencias de traballo.

A relación coa Historia nun sentido amplo, un dos grandes temas abordados polo cine filipino dos últimos cincuenta anos, ten autores como Eddie Romero, home clave da evolución do cine filipino, atrevéndose a poñer en imaxes a colonización española no filme epígono We were Like this Yesterday, How is it Today? (1976); Mario O´Hara fai o propio co duro período de ocupación xaponesa en Three Years without God (1976), mentres que Raymond Red puxo en imaxes a biografía do heroe nacional Andrés Bonifacio, en Heroes (1992).

A retrospectiva que o Festival de Granada Cines del Sur e diversas filmotecas, entre elas o CGAI, propoñen, abarca desde a década dos setenta ata a actualidade. Están representados os nomes fundamentais desta evolución, como Romero ou o gran responsable de colocar a Filipinas no mapa dos festivais entre os setenta e os oitenta,  Lino Brocka, que en Insiang (1976) anticipa, no seu dramático retrato dunha Manila popular, a que logo será inspiración de directores máis novos, como Brillante Mendoza, ou a de Jeffrey Jeturian en The Bet Collector (2006). Pero tamén a do esencial Mike de León (Itim, 1976), a do non menos central Ishmael Bernal (creador do hipnótico pesadelo Manila by Night / City after Dark, 1980, homenaxeada recentemente polos mozos Adolfo Alix Jr. e Raya Martin), ou o inclasificable e apaixonante Kidlat Tahimik (Perfumed Nightmare, 1977; Turumba, 1981).

Ao mesmo tempo a nova xeración filipina que os festivais internacionais deron a coñecer no último lustro ten o seu lugar con filmes como Magdalena – The Unholy Saint / Santa Santita (2004), da actriz e directora Laurice Guillen; Evolution of a Philipino Family (2005) de Lav Diaz; Service (2008) de Mendoza, Imburnal (2008) de Sherad Anthony Sanchez, ou Drumbeat (2007) de Alix Jr., unha mostra na que cabe o melodrama popular e o arrebato sexual, a cita impostergable coa propia historia nacional e o retrato das obsesións relixiosas e as esgazaduras da corrupción e do subdesenvolvemento.

 
Xoves 24 de xuño (20.30 horas):
BAYAN KO: KAPIT SA PATALIM / BAYAN KO: MY OWN COUNTRY    
(Filipinas-Francia, 1985)
Dirección: Lino Brocka. Guión: José F. Lacaba. Produción: Malaya Films e Stéphan Films. Fotografía: Conrado Baltazar. Intérpretes: Philip Salvador, Gina Alajar. Duración: 108 minutos.
Turing, un humilde empregado de imprenta, vese obrigado a asinar un contrato laboral, que lle prohibe todo dereito á folga, cando lle pide un aumento ao seu patrón tras recibir a nova do embarazo da súa muller. A hábil man do gran cineasta Lino Brocka (1939-1991) emprega a historia deste home desesperado para reflectir unha época, emanada e moi influída pola furia acumulada logo do bochornoso asasinato do xornalista e político Benigno Aquino. Presentada en Cannes grazas “ao contrabando” realizado por Brocka, unha circunstancia que lle supuxo a perda da nacionalidade durante unha temporada, estamos ante unha crúa declaración de intencións contra o réxime do ditador apoiado polos Estados Unidos Ferdinand Marcos.
 
Venres 25 de xuño (20.30 horas):
INSIANG
(Filipinas, 1976)
Dirección: Lino Brocka. Guión: Mario O´Hara e Lamberto E. Antonio. Produción: Rogelio B. Pasicolan para Cinemanila. Fotografía: Conrado Baltazar. Intérpretes: Hilda Coronel, Mona Lisa. Duración: 95 minutos.
A doce e discreta Insiang traballa lavando roupa nunha barriada pobre de Manila, ao tempo que ten que aguantar a hostilidade constante de súa nai, Tonia. Desilusionada e esgotada, tras ser violada polo desagradable amante da nai, Insiang inicia unha sutil vinganza. Valente e desapiadada, a incomparable óptica documental de Lino Brocka captura a crúa miseria das chabolas de Tondo e da Montaña Fumegante (nome do que é literalmente unha montaña de lixo).

Luns 28 de xuño (20.30 horas):
ITIM / RITES OF MAY    
(Filipinas, 1976)
Dirección: Mike De Leon. Guión: Doy del Mundo e Gil Quito. Produción: Severino Manotok, jr. Para Cinema Artists. Fotografía: Edy Cruz e Rody Lacap. Intérpretes: Charo Santos, Tommy Abuel. Duración: 105 minutos.
Jun é un fotógrafo que ten a familia vivindo no campo. Un día decide levar alí á súa nova moza, Teresa. Ela ten visións constantes sobre a súa irmá falecida, que se intensifican durante a visita. O pai de Jun prodúcelle malas vibracións e non soporta estar preto del. Acorda unha sesión de espiritismo para que os propios espíritos o aconsellen… Un estudo profundo sobre a culpabilidade e a violencia polo que se amosa un exquisito equilibrio de elementos cinematográficos dos que fai uso Mike De Leon para reflectir os estados anímicos.
 
Mércores 30 de xuño (20.30 horas):
CITY AFTER DARK/ MANILA BY NIGHT    
(Filipinas, 1980)
Dirección e guión: Ishmael Bernal. Produción: Lily Monteverde para Regal Films. Fotografía: Sergio Lobo. Intérpretes: Charito Solís, Alma Moreno. Duración: 150 minutos.
A través do relato cotián da xente de Manila, este filme de Ishmael Bernal céntrase nos conflitos dunha serie de personaxes durante unha noite. Quedan ao descuberto algúns dos aspectos máis escuros e sórdidos da cidade (corrupción, prostitución, drogadicción ou mafia), que nos remite á hipocrisía moral da sociedade a partir dos actos de varios grupos de personaxes que se entrecruzan nese tempo. Título clave da cinematografía filipina, a película sufriu os rigores da censura da man da temible Imelda Marcos, que logrou que non se presentase no Festival de Berlín ao tempo que obrigou a Bernal a cortar parte da metraxe da cinta e a rebautizala co título de City after Dark, por medo a que a imaxe de Manila quedase danada.

Categoría: Novas
Etiquetas: