RAPPAPORT E WEINRICHTER ESTARÁN HOXE NO CGAI TRALA PROXECCIÓN DE “THE SILVER SCREEN: COLOR ME LAVENDER”

3 / 06 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), en colaboración con S8 I Mostra de Cinema Periférico, prosegue co ciclo dedicado ao cineasta estadounidense Mark Rappaport. Hoxe día 3 de xuño (20.30 horas) Rappaport e o profesor e investigador cinematográfico Antonio Weinrichter terán un encontro co público, logo da presentación e proxección de “The Silver Screen: color me lavender” (1997), película de Rappaport na que destapa o subtexto gay oculto no cine clásico de Hollywood. A entrada é gratuíta.    

Mark Rappaport (Nova York, 1942), estuda literatura no Brooklyn College, onde se gradúa en 1964. Posuidor dunha cinefilia precoz, pronto se familiariza co cine de autores como Kurosawa, Bergman, Buñuel e directores do propio Hollywood, converténdose os clásicos dos anos 40 e 50 en elemento referencial dos seus propios filmes. Comeza a traballar como montador mentres se financia os seus proxectos e, logo de dirixir nove curtametraxes, realiza a longa Casual relations (1973). A partir de Postcards (1990) inicia a súa relación co formato vídeo e nos últimos tempos directamente coa fotomontaxe. Ironista iconográfico e crítico, Rappaport céntrase na palabra narrativa, nos relatos que teñen como referente o melodrama hollywoodense -incluíndo biografías imaxinarias sobre actores como Rock Hudson ou Jean Seberg- e a relación entre o público e as imaxes, sobre todo no marco da cultura pop. As súas películas, como modélicas análises fílmicas, contribúen a unha reinvención da Historia do cine.          
Ao mesmo tempo e aproveitando a súa estadía coincidindo coa celebración de S8 I Mostra de Cinema Periférico, Mark Rappaport impartirá o día 1 de xuño unha Master Class onde falará sobre a súa experiencia como director de cine durante 35 anos. Tratará o tema do cine narrativo, o estado do cine actual, a apropiación de imaxes e as novas tecnoloxías.

 
Xoves 3 de xuño (20.30 horas):
THE SILVER SCREEN: COLOR ME LAVENDER
(Estados Unidos, 1997)
Dirección e guión: Mark Rappaport. Produción: Couch Potato Productions. Fotografía: Nancy Schreiber. Duración: 100 minutos.
Sofisticada e divertida reflexión sobre a identidade sexual e a Historia do cine construída mediante punzantes comentarios e un esixente labor de montaxe, que leva a que o traballo de Danny Kaye, Jerry Lewis ou Cary Grant máis a desmitificación sexual do western ou as buddy movies ofrezan unha perspectiva novidosa do legado cultural.

Categoría: Novas
Etiquetas: