A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PROMOCIONA AS OBRAS GAÑADORAS DOS PMM 09 DENTRO E FÓRA DE GALICIA

30 / 04 / 2010

Despois de coñecer o pasado 15 de abril as obras audiovisuais galegas gañadoras da VIII edición dos Premios Mestre Mateo, a Academia Galega do Audiovisual (AGA) continúa coa súa labor de promoción e difusión dos traballos galardoados dentro e fóra das fronteiras de Galicia, co fin de facilitar o acceso do gran público ás producións autóctonas.
Por unha banda, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acollerá nas súas instalacións da Coruña, dende o 18 ao 29 de maio, as proxeccións dos filmes Celda 211, gañadora na categoría de Mellor Longametraxe de Ficción; ¿Que culpa tiene el tomate?, premiada na categoría de Longametraxe Documental; Conexión, mellor Película para Televisión, e Mulleres da raia, Documental coroado nesta edición. As obras serán presentadas polos seus propios creadores –directores/produtores-,  co fin de que os asistentes poidan coñecer de primeira man as experiencias dos profesionais. En datas posteriores e antes do verán, estas obras viaxarán a Barcelona,  onde serán proxectadas na sede da SGAE grazas ao apoio da Acadèmia del Cinema Català.

As sesións de cine galego en Barcelona forman parte do primeiro acordo de colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a súa homóloga catalana – Acadèmia del  Cinema Catàla-, que foi posto en marcha este ano co obxectivo de potenciar a promoción do audiovisual galego e catalán máis aló dos seus territorios, mediante a difusión das obras participantes nos galardóns que anualmente convocan ámbalas dúas entidades. Esta iniciativa xa permitiu que todas as curtas presentadas aos PMM 09 foran proxectadas en Barcelona en datas recentes -primeira quincena de abril- e que, á súa vez, as curtas que competiron nos II Premios Gaudí visitaran Santiago de Compostela o pasado mes de xaneiro. Nesta primeria fase  intercambiáronse un total de 30 obras.

Os Premios Gaudí no CGAI, do 3 ao 10 de maio

Esta vindeira semana, e como parte do acordo entre as entidades galega e catalana, as longametraxes que resultaron gañadoras dos II Premios Gaudí en Barcelona o pasado mes de febreiro viaxan a Galicia para a súa proxección no CGAI, que mostra así o seu respaldo á pioneira iniciativa a nivel estatal levada a cabo entre dúas academias. Estas sesións de cine catalán no CGAI arrincan o luns 3 de maio, co visionado da película Tres días con la familia, Mellor Longametraxe en lingua catalana; seguido do día 4 con 23 F: El día más difícil del Rey, premiada na categoría de Película para Televisión; e finalmente o día 10 poderase ver a película Cher Amie, Mellor Longametraxe de Animación. Os pases son abertos ao público e terán lugar ás 20.30 horas da tarde.

Con este programa de actividades a AGA pretende dar un novo paso na súa misión de apoiar a promoción dos profesionais e da industria audiovisual galega, complementando así as actividades que cada ano organiza para difundir os traballos participantes nos Premios Mestre Mateo nas semanas previas á celebración da tradicional Gala: ‘Semana do Audiovisual Galego’, dirixida a todos os públicos, e  ‘Encontros Premios Mestre Mateo’, nos que participan os profesionais e os estudantes do sector.

Etiquetas: