A Academia de Cine de España vén de confirmar o Festival de Cans como un dos certames que dan opción a entrar na preselección para os Premios Goya na categoría de Mellor Curtametraxe de Ficción.
Desde o 2009, as curtas que concorren aos Premios Goya dentro desta categoría teñen que cumprir un requisito extra con respecto ás demais: ser gañadoras nun dos festivais recoñecidos pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España. A súa xunta directiva decidiu o pasado 25 de marzo que Cans fose un dos festivais que propoñen os candidatos.
Esta decisión da Academia garante a presenza de curtas galegas na preselección ao máximo galardón do cine español, xa que todas as creacións a concurso no Festival de Cans son producións galegas.
O Festival de Cans dá así un paso adiante nos seus obxectivos fundamentais de potenciar a industria audiovisual galega e facilitarlles aos seus creadores unha vía para que as súas propostas cheguen a un público máis amplo dentro e fóra de Galicia. Ao premio en metálico, o Can de Pedra e as proxeccións en localidades de festivais galegos, españois e internacionais, as curtas gañadoras en ficción suman agora a súa precandidatura aos Goya.
A coincidencia do palmarés do Festival de Cans con varias das curtametraxes galegas seleccionadas en anos anteriores para os premios foi tido en conta pola Academia á hora de tomar esta decisión. En edicións pasadas, varias das curtas gañadoras do Festival de Cans estiveron preseleccionadas para os Goya: foi o caso de The werepig (animación) e X nada (ficción) en 2009, A flor máis grande do mundo (animación) en 2008 e Minotauromaquia (animación) en 2005. Estas dúas últimas, dirixidas por Juan Pablo Echeverry, chegaron á selección final.
Máis información: www.festivaldecans.com