O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) segue hoxe xoves 21 de xaneiro (20.30 horas) co ciclo dedicado aos cineastas arxentinos Juan Villegas e Celina Murga, comezado onte, coa proxección das dúas primeiras curtametraxes de Villegas, RUTAS Y VEREDAS (1995) e 2 EN 1 AUTO (1998) e o seu debut na longametraxe, SÁBADO (2001). O ciclo continúa no mes de febreiro. Coñecido redactor da excelente publicación especializada arxentina El amante, Juan Villegas (Bos Aires, 1971), é autor de dúas longametraxes e varias curtas. Villegas escribiu tamén con Rodrigo Moscoso o guión de Modelo 73 (2001). Logo de varias curtas, o gusto pola comedia agridoce chea de potentes referencias lévao a dirixir Sábado (2001), que obtén varios premios. Ao ano seguinte codirixe xunto a outra protagonista deste ciclo, Celina Murga, a curta Una tarde feliz (2002). Los suicidas (2005), adaptación da novela homónima de Antonio Di Benedetto, certifica o seu talento.
Celina Murga (Paraná, 1973), docente, guionista, colaboradora de Scorsese grazas a unha bolsa de mecenado (Rolex) por un ano que lle permitiu colaborar na aínda inédita Shutter Island, foi axudante de dirección en Sábado. A súa primeira longametraxe, Ana y los otros (2003), recibe gran cantidade de boas críticas e premios. A segunda, Una semana solos (2007) estreouse no BAFICI e foi obxecto de distincións internacionais. Producións austeras e carentes de todo proselitismo, Murga prepara a súa terceira longa, La tercera orilla del río, xurdida dunha noticia sobre un parricidio cometido no seu país. O ciclo dedicado a estes dous directores arxentinos xoves segue no mes de febreiro.
Mércores 20 e xoves 21 de xaneiro (20.30 horas):
RUTAS Y VEREDAS
(Arxentina, 1995)
Dirección e guión: Juan Villegas. Produción: Rodrigo Moscoso. Fotografía: Paola Rizzi. Intérpretes: Mima Suárez, Gerardo Young. Duración: 7 minutos.
A primeira curtametraxe de Villegas expresa mediante discontinuidade temporal unha crónica melancólica do xurdimento e disolución dunha parella.
2 EN 1 AUTO
(Arxentina, 1998)
Dirección, produción e guión: Juan Villegas. Fotografía: Paola Rizzi. Intérpretes: Leonardo Murúa, Camila Toker. Duración: 7 minutos.
Unha longa discusión de parella amosa o proverbial gusto do autor polos diálogos circulares e dinámicos (herdanza do seu querido Rohmer) e certa preferencia por amosar unha lixeira fatalidade nas relacións amorosas.
SÁBADO
(Arxentina, 2001)
Dirección e guión: Juan Villegas. Produción: Tresplanos Cine. Fotografía: Paola Rizzi. Intérpretes: Gastón Pauls, Daniel Hendler. Duración: 72 minutos.
Ópera prima de Juan Villegas, onde narra os encontros e desencontros de tres parellas novas, entretecidas cun par de choques e un personaxe famoso como o actor Gastón Pauls (que fai de si mesmo) durante un sábado e a mañá do día seguinte. Depurada, eludindo a convención plano/contraplano, un filme ateigado de planos abertos que exhiben un espazo acotado, exclusivo da película, ao extremo de que os protagonistas camiñan por un Bos Aires cuase descoñecido, lonxe de todo pintoresquismo ou realismo cru. Chea de diálogos hilarantes, polo seu corpus desfila un suxestivo e ben aproveitado catálogo de influencias (da Nouvelle Vague ás sitcoms norteamericanas). Premiada en Róterdan.
Mércores 27 e sábado 30 (20.30 horas):
UNA TARDE FELIZ
(Arxentina, 2002)
Dirección e guión: Juan Villegas e Celina Murga. Produción: Celina Murga, Juan Villegas e José María «Pigu» Gómez. Fotografía: José María «Pigu» Gómez. Intérpretes: Camila Toker, Tamae Garateguy. Duración: 7 minutos.
Tres amigas e unha cadela deciden encontrarse nunha praza para pasar a tarde. Dúas delas cren que a outra está de aniversario e deciden comprarlle uns agasallos, pero todo se converte nunha suma de malentendidos. Non hai tal aniversario e os agasallos que lle decidiron facer son exactamente iguais.
ANA Y LOS OTROS
(Arxentina, 2003)
Dirección e guión: Celina Murga. Produción: Celina Murga e Carolina Konstantinovsky. Fotografía: Marcelo Lavintman e José María Gómez. Intérpretes: Camilla Toker, Ignacio Uslenghi. Duración: 80 minutos.
A primeira longametraxe de Murga foi premiada en BAFICI, Tesalónica, Venecia e a Viennale. Ana volve ao seu Paraná natal logo de dez anos en Bos Aires. O motivo, a reunión de antigos graduados de instituto, dos cales Ana desconectara. A posibilidade de recuperar un antigo amor, Mariano, e a aparición de múltiples personaxes van perfilando unha sorte de suspensión temporal retratada con planos depurados e longos nun relato de procura elaborado de maneira farto sutil. Unha trama que xurdiu, en verbas de Celina Murga, “por unha necesidade de contar a relación coa cidade onde naciches e a tensión entre o que es e o que fuches”.