O CLAG vai desenvolver durante o primeiro trimestre deste ano un plan de formación para profesionais do sector audiovisual, no que se inclúen cursos de Programación en televisión dixital, Gravación e postproducción en HD, Técnicas avanzadas de edición e Desenvolvemento de contidos para móbiles, enmarcado nunha inicitiva de cooperación interrexional no que tamén interveñen o Proxecto Universidade Empresa, de Cataluña, e a Corporación Aragonesa de Televisión. Para a impartición deste plan, a xerente do CLAG, Carla Reyes, asinou hoxe un convenio de colaboración coa directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, no que se establece a cesión do uso das instalacións e os medios do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) –dependente deste departamento- para a realización dos cursos incluídos neste programa. Ademais, o departamento autonómico achega o apoio loxístico necesario para a difusión destas actividades formativas e para a recepción das solicitudes de inscrición a través do portal do CNTG.
Os cursos programados, todos de carácter técnico, son os seguintes: programación en televisión dixital, gravación e postproducción en HD, técnicas avanzadas de edición e desenvolvemento de contidos para móbiles. Neles analizarase, entre outros temas, o estado da Tv interactiva en España, as diferencias entre a plataforma MHP e Open TV; os diferentes formatos de gravación e equipos de postproducción en HD; as ferramentas e funcións das últimas versións do AVID; e a construcción de guións e producción e rodaxe de videoclips para móbiles. O prazo de inscripción esta aberto para as catro modalidades formativas, e rematará o día 5 de febreiro para o curso de gravación e posproducción en HD; o 16 de febreiro para o de contidos para móbiles; o 23 de febreiro para o de técnicas avanzadas de edición; e o 2 de marzo para o curso de programación en televisión dixital.
As accións formativas están organizadas polo CLAG e forman parte do Proxecto de formación audiovisual para PEMES. Este plan de formación está enmarcado nunha iniciativa de cooperación interrexional na que participan o Proxecto Universidade Empresa (PUE) – que auna á empresa privada e á Universitat Politècnica de Catalunya-, a Corporación Aragonesa de Televisión e o CLAG.