A COORDINADORA DE ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DO AUDIOVISUAL GALEGO ORGANIZA UNHA MESA REDONDA NO ACHEGARTE DA CORUÑA

27 / 11 / 2009

Enmarcado no AchegArte (Palexco, A Coruña) a Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego organiza este domingo ás 12:30 unha mesa redonda baixo o titulo “Audiovisual Galego. Un presente incerto, un futuro negro” na que se abordarán a actual situación do audiovisual galego baixo a visión das asociacións profesionais.

A mesa estará integrada por Juan Morgade (Presidente de ATEGA, a Asociación de Técnicos), Vicente Montoto (Presidente da AAAG, Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Carlos Ares (Vicepresidente da Asociación Galega de Guionistas) e Xavier Bermúdez (Presidente de CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia)

A mesa terá lugar o próximo domingo día 29, ás 12.30 h. no Salón Bitácora do Palexco de A Coruña e está aberta a todo o público.

Coincidindo co conflicto entre o Goberno de España e a Unión Europea, que ameaza con retrasar a convocatoria de axudas ó cine para o ano 2010, a Coordinadora explicará a súa posición, e os pasos dados diante da Presidencia do Goberno, da Ministra de Cultura, do Director do ICAA, e da Unión Europea, para advertirlles e denunciar as contradicción existentes entre os seus proxectos lexislativos (o Decreto da Lei do Cine xa aprobado a día de hoxe irresponsablemente) e o espírito da lexislación Europea en defensa da excepción cultural e da produción independente.

O Decreto do conflicto, hoxe paralizado, levaría, de non corrixirse, a frustrar o desenvolvemento presente e futuro dun cine en galego, entre outras consecuencias, o que está no centro das preocupacións da Coordinadora, que así llo expuxo recentemente a Ignasi Guardáns, Director do ICAA nunha entrevista mantida en Santiago de Compostela.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: