O CLAG PROMOCIONA A INDUSTRIA AUDIOVISUAL GALEGA NO MÁLAGA MARKETS

23 / 10 / 2009

O Cluster Audiovisual Galego, CLAG, asiste coas compañías galegas Continental Producciones, Ficción Producciones, Iblo Media, Voz Audiovisual e Xamalú Filmes á nova edición dos Mercados audiovisuais do Festival de Málaga, Málaga Markets, que se celebra do 25 ao 27 de outubro.

 

Esta edición de Málaga Markets, que se celebra no Hotel Silken Puerta Málaga, está integrada pola 9ª Edición de Málaga Screenings, mercado da longametraxe española e latinoamericana; a 9ª Edición de Mercadoc, mercado do documental español e latinoamericano; e a 5ª Edición de TV Market, mercado da ficción e animación española para televisión, e constitúe unha estratéxica oportunidade para realizar contactos de negocio no eido audiovisual.

 

O CLAG participa por primeira vez neste mercado, onde estará presente cun stand a través do cal promocionará a industria audiovisual galega baixo a Marca Galicia Audiovisual. No stand corporativo as empresas asociadas participantes no Mercado celebrarán unha axenda de reunións de negocio con compradores de ámbito nacional e internacional.

 

Este ano  participan en Málaga Markets máis de 70 televisións e produtoras audiovisuais provientes de América (EEUU, México), Europa (Reino Unido, Bosnia Herzegovina, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Italia, Lituania, Polonia, Portugal, Romanía, Serbia, Eslovenia, Bulgaria, España) ou Asia (China, Líbano, Taiwan, Turquía).

 

Este mercado contempla no seu programa puntos de encontro e negocio entre os participantes así como un Foro de reunións bilaterais con bolsas de proxectos  entre produtores, compradores e commissionning editors.

 

Entre as actividades programadas destaca a presentación da Rede Audiovisual Málaga , o luns 27 , por parte da Fundación Audiovisual de Andalucía co relatorio “Publicación sétimas xornadas profesionais: tendencias e innovación da produción e distribución no audiovisual. Novas fiestras de explotación.

 

Esta misión empresarial a Málaga enmárcase no Plan de Internacionalización que ven desenvolvendo o CLAG con grande éxito dende a súa creación. No que vai de ano o CLAG asistiu aos mercados audiovisuais de carácter internacional máis importantes do sector: EFM Berlín, Mobile World Congress, Cartoon Movie, Marché du Film, MIPTV, IBC Ámsterdam e recentemente no MIPCOM en Cannes. Tras Málaga Market, a próxima cita do CLAG será no Salón Internacional da Tecnoloxía Audiovisual, Broadcast, que celebra a súa XIV edición do 3 ao 6 de novembro na Feira de Madrid, IFEMA.

Categoría: Novas
Etiquetas: