O CGAI INAUGURA ESTE LUNS UN CICLO SOBRE CINE E CIENCIA, NA QUE SE INCLÚEN VARIOS TRABALLOS DE BARBARA HAMMER

23 / 10 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza este luns día 26 de outubro ás 20.30 horas o ciclo CINE E CIENCIA, realizado coa colaboración da II edición da Mostra de Ciencia e Cine, organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa proxección de varios traballos da célebre cineasta estadounidense Barbara Hammer (1939), presentados por ela mesma.  


Con motivo desta II edición da Mostra de Ciencia e Cine (26-31 de outubro), realizamos unha pequena selección de versátiles pezas que poden axudar a albiscar as tensas, complexas, vagas e históricas relacións mantidas entre a ciencia e o cine. A presenza da cineasta estadounidense Barbara Hammer (Hollywood, 1939), emblemática representante dun cine independente, feminista, militante e iconoclasta realizado á marxe dos parámetros industriais nos Estados Unidos e autora de admiradas películas como Nitrate kisses (1992), Tender fictions (1996) ou History Lessons (2000), clásicos do cine feminista lésbico baseados na combinación de materiais de diversa procedencia, permitirá coñecer algunhas das súas películas vinculadas coa ciencia, incluíndo a autobiográfica A horse is not a metaphor, que vén de ser premiada na prestixiosa Berlinale.


Os documentais científicos pioneiros do francés Jean Painlevé
(1902-1989), un prolífico discípulo de Muybridge e biólogo mariño que dirixiu cerca de dúas centenas de curtametraxes, amosan a súa capacidade para conciliar didactismo e capacidade visual a través de catro traballos situados en distintas épocas. Compañeiro de Calder ou Prévert, impregnado de filiacións surrealistas e inclinacións libertarias, autor do memorable texto de La sang des Bêtes (1949) de Franju, Painlevé pode parecer para moitos un auténtico descubrimento, sinal da omisión sufrida pola produción documental ao longo do tempo e o propio papel periférico da vertente científica.  A sesión inclúe unha peza pertencente á Mostra, The image world (200 )      
La herencia del viento (1960) de Stanley Kramer, recolle un dos casos de persecución máis coñecidos (perpetrado en 1925) contra as teorías da evolucion das especies, coincidindo co bicentenario do nacemento de Charles Darwin e os 150 anos da publicación d’A orixe das especies. Por último, un dos documentais fundacionais, Nanook el esquimal (1922), filme mudo do mestre Flaherty será interpretado con música en directo polos músicos Roberto Mallo e Miguel Prado, acompañados por Belén Regueira, coñecida xornalista que se fará cargo da narración interpolada a través dos rótulos da película.

 

LUNS 26 DE OUTUBRO (20.30 horas):

OPTIC NERVE     
(Estados Unidos, 1985)
Dirección, produción e fotografía: Barbara Hammer. Duración: 16 minutos.
Unha reflexión sobre a familia de Hammer (un dos seus grandes temas, xunto á sexualidade, a identidade e a derruba dos xéneros) realizada con impresión óptica editada con efectos equivalentes ás radiografías de raios X.   
 
SANCTUS     
(Estados Unidos, 1990)
Dirección, produción e fotografía: Barbara Hammer. Duración: 19 minutos.
Retrato do corpo humano e a súa fraxilidade interna, mediante placas de raios X extraídas das radiografías do Doutor James Sibley Watson, que dá título a outro filme de Hammer. Desvelando a estrutura do esqueleto amósase a necesidade de protección dentro dun planeta sucio onde proliferan as desordes nos sistemas inmunitarios.    
 
VITAL SIGNS     
(Estados Unidos, 1991)
Dirección, produción e fotografía: Barbara Hammer. Duración: 9 minutos.
Outro filme colaxe onde Hammer intercala secuencias que reflicten a morte extraídas de wésterns con intervencións persoais, fotogramas de Hiroshima, mon amour de Alain Resnais, un texto de Foucault e escenas da unidade de coidados intensivos dun hospital.   

A HORSE IS NOT A METAPHOR     
(Estados Unidos, 2008)
Dirección, produción e fotografía: Barbara Hammer. Duración: 30 minutos.
Persoal achegamento á terapia e consecuencias do cancro de ovario que afectou á propia Hammer, unha peza premiada este ano no Festival de Berlín. O compoñente autobiográfico de Hammer, presente desde os inicios da súa traxectoria artística, emparéntaa con parte da modernidade fílmica (de Van der Keuken e Perlov a Mekas, Cavalier ou Kawase), mentres a liña experimental se ofrece con lirismo a través de imaxes cheas de luz e movemento fóra do hospital (destaca esa adoración polos cabalos).

MARTES 27 DE OUTUBRO (20.30 horas):

INHERIT THE WIND / LA HERENCIA DEL VIENTO    
(Estados Unidos, 1960)
Dirección: Stanley Kramer. Guión: Nathan E. Douglas e Harold Jacob Smith, sobre a obra teatral de Jerome Lawrence e Robert E. Lee. Produción: Stanley Kramer Productions. Fotografía: Ernest Laszlo. Intérpretes: Spencer Tracy, Fredric March, Gene Kelly. Duración: 128 minutos.
Drama de matices xudiciais que recolle o célebre proceso Scopes Monkey, acontecido nos Estados Unidos en 1925, polo que sentaron no banco dos acusados ao profesor William Jennings Bryan por ensinar a teoría da evolución de Darwin. Cambiados os nomes pero sen morrer en absoluto o debate (a película obviamente non se estreou na España da ditadura), Kramer (Vencedores y vencidos; Adivina quién viene esta noche) aproveita a intermediación dunha peza teatral. Premio no festival de Berlín para Fredric March como mellor actor.   

MÉRCORES 28 DE OUTUBRO (20.30 horas):

THE IMAGE WORLD
(Estados Unidos, 2009)
Dirección, guión, produción e fotografía: Adele Horne. Duración: 6 minutos.
O mundo intenta replicarse a si mesmo. Cando a luz do Sol atravesa o espazo que hai entre as follas das árbores, o efecto pin-hole crea imaxes do Sol no chan que hai debaixo.

HYAS ET STENORINQUES / HYAS AND STENORHYNCHUS     
(Francia, 1929)
Dirección e guión: Jean Painlevé. Fotografía: André Raymond. Duración: 10 minutos.
Autor desde os seus inicios de pequenas pezas, recordado por frases como “o cine é o creador dunha vida surreal” ou “a ciencia é ficción”, Painlevé achega desde os comezos verdadeiras leccións de purismo entomolóxico, neste caso co exemplo dos crustáceos e as súas relacións.
 
L´HIPPOCAMP / [O CABALIÑO DE MAR]    
(Francia, 1934)
Dirección e guión: Jean Painlevé. Fotografía: André Raymond. Duración: 15 minutos.
Música de Darius Milhaud para un autor creador de coreografías ben ciceladas de formas animais. O gran éxito de difusión na súa carreira, un traballo que explica a súa calidade de precursor nas filmacións submarinas.
 
LE VAMPIRE / THE VAMPIRE     
(Francia,1945)
Dirección e guión: Jean Painlevé. Duración: 9 minutos.
En palabras do lendario crítico francés André Bazin “ao mesmo tempo un documento zoolóxico e a realización do grande mito sanguinario ilustrado por Murnau no seu Nosferatu”. O morcego, arquetipo biolóxico que insinúa unha mórbida alegoría do nazismo, aparece coa influencia musical nítida (Duke Ellington) dos traballos de vangarda polos que Painlevé sempre se interesou (a súa amizade con Edgard Varese, sen ir máis lonxe).       
 
LES AMOURS DE LA PIEUVRE / THE LOVE LIFE OF THE OCTOPUS     
(Francia, 1967)
Dirección, guión e produción: Jean Painlevé e Geneviève Hamon. Duración: 13 minutos.
Painlevé, acompañado na dirección por Geneviève Hamon, regresa ao obxecto de estudo do seu primeiro filme, La pieuvre (1928), o polbo. Nesta ocasión sorprende recorrendo ao tamén francés Pierre Henry, figura icónica da música concreta.   
 

XOVES 29 DE OUTUBRO (20.30 horas):

NANOUK L´ESQUIMAU / NANOOK OF THE NORTH / NANOOK EL ESQUIMAL    
(Francia-Estados Unidos, 1922)
Dirección, guión e fotografía: Robert J. Flaherty, sobre unha idea de Frances H. Flaherty. Produción: Les Frères Revillon, Pathé Exchange. Intérpretes: Allakariallak, Nyla. Duración: 79 minutos.
Considerada obra pioneira do documental, Flaherty filma a vida e costumes dos esquimós de Port Huron, preto da Baía de Hudson (Canadá). Lírica e incisiva, unha película influente chea de momentos grandiosos (a construción do iglú, a caza da foca,…) onde a actualidade filmada adquire visos de mito ou tratamento poético. Flaherty chega a restaurar rituais que xa non existían, nunha concepción antes de colaboración cos suxeitos filmados que de imposición. O documento aparece como recreación dun pasado que desaparecía pola acción depredadora do home, sen obviar a súa condición artística, a manipulación e selección de elementos da realidade.  

Categoría: Novas
Etiquetas: