SINTONÍA ENTRE O DIRECTOR DO ICAA E OS CLUSTERS AUDIOVISUAIS

28 / 09 / 2009

Nun encontro mantido esta mañá,  o director do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais Ignasi Guardans comprometeuse cos Clusters a impulsar a innovación no sector.

O director do ICAA recibiu esta mañá á delegación de Clusters Audiovisuais e recoñeceu o importante labor que desempeña este modelo organizativo na estruturación do sector nas diferentes Comunidades Autónomas.

 

A delegación conformada por Euskadi, Estremadura, Baleares, Canarias, Madrid, Valencia, Catalunya e Galicia presentoulle a Ignasi Guardans as súas principais preocupacións con respecto ao futuro do sector. O director do ICAA comprometeuse a consolidar a interlocución cos Clusters iniciada nesta visita. Guardans solicitou a colaboración da rede de Clusters para desenvolver conxuntamente o plan de innovación do audiovisual recollido na Lei do Cine. De igual xeito, Guardans invitou aos Clusters a contribuir na elaboración de estadísticas fiables da industria audiovisual que permitan articular adecuadamente as axudas en I+D+i propias do sector. Nun clima de estreita colaboración, Guardans invitou aos Clusters a realizar actuacións colectivas no ámbito da formación e intercambio de experiencias entre Clusters e comprometeu o seu apoio nestas actuacións. A delegación invitou a participar ao director do ICAA no III Foro de Clusters de España que terá lugar a finais de ano en Valencia.

Categoría: Novas
Etiquetas: