O NORDÉS, A NOVA SERIE DA TVG NA SÚA PROGRAMACIÓN DE OUTONO

15 / 09 / 2009

O Nordés é unha serie de ficción de emisión semanal sobre o mundo do xornalismo. O argumento baséase na historia dun xornal centenario da cidade de Vigo que pasa por un mal momento económico e sofre as presións dun importante empresario que intenta facerse co seu control. Grazas ó empeño da editora e ó do resto do equipo que fai o xornal, o Nordés segue informando e mantendo, con moitas dificultades, a súa independencia.

 

A historia que se conta no Nordés é a dos problemas cotiás, dos conflitos profesionais e persoais, do nutrido grupo de traballadores que fan posible que o xornal saía á venda; pero tamén é a historia do que pasa no día a día da cidade máis urbana, industrial, caótica, conflitiva e fascinante de Galicia: Vigo.

 

Un equipo de máis de cen profesionais repartiron os días de gravación entre as rúas de Vigo e o decorado máis gran­de construído en Galicia, unha inmensa redacción de setecentos metros cadrados deseñada polo director artís­tico Suso Montero.

 

O proceso de produción iniciouse hai seis meses co deseño da serie e a escritura das primeiras versións dos guións a cargo da factoría ZOPILOTE (creadores de éxitos como Mareas Vivas ou Terra de Miranda). No elenco actoral figuran nomes consa­grados como Mabel Rivera ou Xosé M. Olveira “Pico”, xunto con algunhas das no­vas promesas do audiovisual galego, como Isabel Risco ou Olalla Salgado. A serie ofrece tamén a oportunida­de de ver a Víctor Fábregas, coñecido polo seu personaxe de Tucho nos Tonechos, no seu primeiro papel dramáti­co. O proceso de gravación prolongouse ó longo de tres meses e estilisticamente foi máis semellante á produción cinematográfica que aos ha­bituais estándares televisivos.

 

O Nordés empregou cámaras de alta definición e utilizou dúas unidades técnicas en pa­ralelo. Unha vez rematada a gravación dos trece capítulos da primeira tempada, come­za o proceso de posproduc­ción coa incorporación entre outros elementos, da música. Os compositores Piti Sanz e Ivan Laxe, colaboradores ha­bituais de CTV, ZOPILOTE e Alfonso Zarauza, supervi­sarán os acabados sonoros fi­nais dos capítulos. A postpro­dución de vídeo empregará as máis modernas técnicas de tratamento de imaxe e info­grafía

 

AS PRODUCTORAS

O Nordés está dirixida por Marta Piñeiro e Alfonso Za­rauza, unha parella que aúna no seus currículos a expe­riencia de dirixir cine e de facer televisión.

Alfonso Zarauza estreará proximamente a súa primei­ra longametraxe, A noite que deixou de chover, e Marta Pi­ñeiro ten unha longa traxec­toria como directora de fic­ción televisiva en Galicia. “Xa tiña gana de traballar nunha serie de televisión que afron­tase a gravación coma se fose unha película”, di Marta.

 

OS DIRECTORES

Alfonso Zarauza, o seu com­pañeiro na dirección tamén aposta pola simbiose: “Estou moi ilusionado; realmente o que fixemos foi rodar unha película de cine, pero de trece horas de duración. O esforzo foi grande pero estou feliz co resultado”

O Nordés é a terceira pro­dución no ámbito da ficción do tándem formado polas productoras CTV e Zopilote. Unha unión de empresas que iniciou a súa colaboración hai uns anos co concurso de humor O Rei da Comedia.

Como sucedeu nas súas anteriores experiencias, O Nordés tamén encerra unha dose alta de risco no seu deseño. En palabras dos res­ponsables das produtoras, “despois de facer un reali­ty de humor como O Rei da Comedia, unha sit com en directo con público en plató (Pepe O`Inglés) e o primeiro programa de humor con con­tido político (Air Galicia), O Nordés supón para nós o reto máis ambicioso: facer a pri­meira serie profesional, rea­lista e urbana da Televisión de Galicia”.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: