CGAI: VENRES 24 DE XULLO HOMENAXE A JOSÉ LUIS SÁNCHEZ VÁZQUEZ

23 / 07 / 2009

Mañá venres día 24 de xullo, ás 20.30 horas, o CGAI acolle unha homenaxe a José Luis Sánchez Vázquez, falecido hai un ano. A entidade selecciona para isto “La grande bouffe” (1973) de Marco Ferreri, unha célebre película á que o activista cultural e cinéfilo axudou con entusiasmo na súa difusión.

 

 A morte hai un ano, o día 24 de xullo de 2008, de José Luis Sánchez Vázquez (1944-2008), activista cultural, cineclubista, cinéfilo posuidor dunha importante colección de películas xenerosamente en circulación xa en tempos en que as maneiras de consumo fílmico eran outras, xustifica sobradamente unha homenaxe. Mañá venres día 24 de xullo (20.30 horas) seleccionamos un dos títulos que a José Luis lle eran máis gratos, La grande bouffe (1973) de Marco Ferreri, unha célebre película á que axudou con entusiasmo na súa difusión.  

 

 

Unha mesa redonda con varios críticos cinematográficos e amigos (Eduardo Galán, Arturo Lezcano e Marcial Cantero, entre outros), que o coñeceron e comezaron o seu labor, coma el, na comarca de Ferrol, vén exemplificar a compresión do feito fílmico, da cinefilia e das maneiras de exercer tal paixón como forma de completar este acto de tributo. Nunca se dedicou profesionalmente ao cine, mais José Luis, á maneira francesa, sintetizaba a concepción do amateur, alguén que fusiona ese dobre sentido de afeccionado e amante. A entrada é gratuíta.
 
LA GRANDE BOUFFE
/ LA GRAN COMILONA     

(Italia-Francia, 1973)

Dirección: Marco Ferreri. Guión: Marco Ferreri e Rafael Azcona. Produción: Films 66, Mara Films e Capitolina Produzioni Cinematografiche. Fotografía: Mario Vulpiani. Intérpretes: Michel Piccoli, Marcello Mastroianni, Philippe Noiret, Ugo Tognazzi.

 

Duración: 125 minutos.

Catro homes de mediana idade e boa condición social reúnense para pasar a fin de semana nunha vila abandonada. Os obxectivos, o sexo e a degustación dunha sucesión de pratos selectos, parecen advertir sobre un hedonista suicidio en grupo. Reparto exemplar e guión de Azcona e Ferreri nun dos dramas extremos do director italiano onde a mestura de euforia e traxedia leva implícita a forza da sátira, con  dardos envelenados contra a sociedade de consumo, e un singular cruzamento de sensacións (mesmo físicas) no espectador.

A película obtivo un notable escándalo en Cannes, onde conseguiu o Premio FIPRESCI (compartido con La maman et la putain de Jean Eustache), primeira pedra do éxito desta maxistral, lúcida e conmovedora parábola.        

Categoría: Novas
Etiquetas: