AGAPI TRAE A SANTIAGO A COMPAÑÍAS PIONEIRAS NA INNOVACIÓN AUDIOVISUAL NAS XORNADAS NOVOMED 09

18 / 06 / 2009

O 9 e o 10 de xullo o foro Novos Medios e Contidos Audiovisuais- NovoMed 09 avanzará o futuro dos contidos audiovisuais. As xornadas desenvolveranse durante dous días na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e reunirán aos expertos e aos responsables dos programas máis innovadores en materia audiovisual.

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) organiza estas xornadas co patrocinio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e a colaboración da Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC).  

Os directivos de contidos de empresas coma Bren Entertainment, Continental Games, Televisión de Galicia, Youtube, Fox Channels, Vértice 360º, Enxebre Entertainment, Antena 3, Orange, e institucións coma a Impulsa TDT, a Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e o Instituto de Crédito Oficial (ICO) debuxarán o camiño de evolución do sector audiovisual.

O programa centrarase en cinco temas: a televisión dixital (TDT), o novo marco regulador do sector audiovisual, os contidos multiplataforma, a animación dixital e os videoxogos e a rendibilidade do negocio audiovisual. Os asistentes poderán coñecer aos responsables das empresas máis innovadoras e dos novos modelos de negocio do sector audiovisual.

Inscrición

Este foro diríxese aos profesionais de produtoras, distribuídoras e axentes de vendas así como a estudantes. A matrícula é gratuíta e o curso conta co recoñecemento de 1 CRÉDITO DE LIBRE CONFIGURACIÓN pola Universidade de Santiago de Compostela.A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Campus Norte. Avda. Castelao s/n. Santiago de Compostela) será a sede destas xornadas.

Para máis información e inscricións: www.agapi.org

Categoría: Novas
Etiquetas: