CONTINÚAN AS PROXECCIÓNS DO CGAI DENTRO DO PROGRAMA EXTRATERRITORIAL CON DÚAS OBRAS DE ADOLFO ARRIETA

10 / 06 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe continúa coa sección da programación Extraterritorial, dedicada a propostas de corte experimental, periféricas ou alternativas, mañá xoves 11  de xuño (20.30 horas) coa proxección dos traballos de Adolfo Arrieta, recén remontados, LE JOUET CRIMINEL (1969) e LE CHÂTEAU DE POINTILLY (1972).
Arrieta (Madrid, 1942) comeza a súa carreira como pintor, pero pronto e en formato 16 mm., influído por Cocteau, filma as curtametraxes El crimen de la pirindola (1965) e Imitación del ángel (1966). Establecido en Francia, onde a súa obra é ben recibida e conta coa colaboración de actores de prestixio (Jean Marais, Howard Vernon) e produtores independentes, asina obras de culto como as dúas pezas que podemos ver este mes Les intrigues de Sylvia Cousky (1973) ou Tam-Tam (1975), obtendo difusión internacional por circuítos paralelos, ademais de premios en distinguidos festivais. Dono dun cine poético, persoal e de vocación vangardista e formulación clandestina, regresa a España e roda títulos como Merlín (1990) ou Vacanza permanente (2006). O CGAI vén proxectando pezas da súa filmografía desde hai dous anos no que será unha retrospectiva completa.   
 
LE JOUET CRIMINEL     
(Francia-España, 1969)
Dirección, guión, fotografía e produción: Adolfo Arrieta. Intérpretes: Jean Marais, Michèle Moretti, Xavier Grandes. Duración: 37 minutos.
Primeiro traballo ambicioso de Arrieta, moi influído polo seu aprecio por Jean Cocteau -parámetros poéticos e antinarrativos que lle son afíns- e o encontro cun intérprete consagrado e carismático, o heroe do cine francés Jean Marais. Auténtica homenaxe a el, os elementos poéticos e singulares das primeiras curtas vanse desenvolvendo con maior pericia.      

LE CHÂTEAU DE POINTILLY     
(Francia, 1972)
Dirección, guión, produción e fotografía: Adolfo Arrieta. Intérpretes: Xavier Grandes, Françoise Lebrun. Duración: 31 minutos.
Viaxe ao universo da infancia, unha fermosa sucesión de imaxes que percorren a memoria, os vestixios da melancolía e a nostalxia. Protagonizada pola memorable musa do Eustache de La maman et la Putain (1973), Françoise Lebrun, unha entusiasta crítica escrita pola gran Marguerite Duras (traducida en España na revista “Triunfo”) colocou a Arrieta no panorama artístico francés e europeo.  

Categoría: Novas
Etiquetas: