A empresa coruñesa acaba de obter a calificación como “Desenvolvedor Autorizado de software para a videoconsola Wii , de Nintendo”, o que supón un gran éxito para a compañía á vez que un fito na incipiente industria do videoxogo galego. Este logro é o resultado dun longo proceso de traballo e xestións comerciais, que permite a CONTINENTAL ser a primeira empresa galega e das poucas españolas, que poden desenvolver videoxogos e aplicacións para Wii, ademais de distribuílos de forma on line na tenda oficial WiiWare de Nintedo.
Un equipo de traballo axeitado para obter a mencionada cualificación debe ter formación e experiencia na produción de videoxogos e o cal debe incluir perfís tan diversos como deseñadores, modeladores, animadores, programadores e enxeñeiros de son.
CONTINENTAL conta co grupo de profesionais que participou no videoxogo “Event Linked Extinction” (E.L.E.) de Alia3D e compleméntase a través de convenios con grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (U.S.C) e distintas spin off das universidades galegas.
A estratexia de CONTINENTAL GAMES inclúe a participación en plataformas tecnolóxicas de forma activa e colaborativa. Boa mostra diso é o noso papel na plataforma I+dea, promovida polo Clúster Audiovisual Galego, desde a que participa na produción de contidos interactivos no proxecto “Publinter” liderado por R; e xunto á USC, deseña motores gráficos para a plataforma IPhone (con máis de 8 millóns de clientes en todo o mundo).
Falar de Wii é falar de case 50 millóns de unidades vendidas, de feito estamos ante a videoconsola máis popular do planeta, e todas elas teñen acceso gratuíto a WiiWare (a mencionada tenda on-line de Nintendo), para a que en poucos meses, concluiranse os primeiros videoxogos producidos e desenvolvidos por CONTINENTAL.