O CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE PROXECTOU O PASADO SÁBADO A ADAPTACIÓN DE “A ESMORGA” DE EDUARDO BLANCO AMOR

25 / 05 / 2009

Publicada en 1959 en Bos Aires pola Editorial Citania de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, A esmorga de Eduardo Blanco Amor é unha das fitas da literatura galega. Con motivo do seu 50 aniversario o Centro Galego de Artes da Imaxe recuperou dentro da súa programación a controvertida versión que Gonzalo Suárez dirixira na etapa da transición, logo de que o malogrado director ourensán Eloy Lozano non alcanzase a artellar unha adaptación máis fiel ao orixinal literario.

A breve historia desta adaptación sintetizase así:

Eduardo Blanco Amor elabora dous guións sobre a súa novela A esmorga, desde 1967 a 1971, inéditos ata a súa publicación en 1994. Logo de varias tentativas fallidas para a súa realización fílmica, o respaldo da empresa Lotus Films garantiza a execución da produción. Ao mesmo tempo, o interese dun Gonzalo Suárez que viña de rodar con Lotus unha versión de dous contos de Valle-Inclán, Beatriz (1976), permite unha ousada transposición da novela trasladada a terras asturianas. Polo camiño quedaba eliminada a proposta do xove director Eloy Lozano, que pretendía rodar en lingua galega, en localizacións fieis á Auria /Ourense da novela unha versión a modo de road-movie cámara en man. Lozano pelexaría pola obra ata reunirse co ministro Cabanillas, obter permiso oficial polo seu guión, unha posible financiación de Morgana Films e o interese de Alfredo Landa.
A irritación motivada pola sustitución do microcosmos Auria pola cuenca mineira asturiana, será unha decisión de Suárez cimentada na “personalidade mitolóxica” da terra galega, un rexeite da visión de turista cultural e o apego á noción de Auria como espazo mental  e universal antes que físico e concreto.
Cineasta atípico e orixinal literato, Suárez, libre adaptador de textos e motivos de Goethe, Clarín, Pardo Bazán, Mary Shelley, Molière, Andersen ou de si mesmo (Epílogo ou Ditirambo), ofrece en Parranda (1977) un resultado sumamente persoal. Blanco Amor, ancián e con problemas económicos, redacta con él o guión definitivo, rodado en 41 días e protagonizado –papel das súas vidas- por José Sacristán, José Luis Gómez e Antonio Ferrandis como encarnacións de Cibrao, Bocas e Milhomes, Despois duns inicios arriscados, Gonzalo Suárez atopábase entón preto do abandono, empantanado en encargos lonxe da súa idiosincrasia (xogos de ficción e representación, marcado sentido do humor, mestura de xéneros e modos narrativos). Antinaturalista por convicción, xunto a Blanco Amor vai enlazar moitas claves, agregando modelos narrativos dispares (investigación xudicial, crónica negra, conto de terror cotián, recorrido picaresco e existencial, melodrama rural ou relato mítico-antropolóxico). A estrutura itinerante nútrese de elementos procedentes do fantástico, o vodevil cómico -a cervantina historia do morto, tomada de “Une ruse” de Maupassant-, a farsa e o surreal (a partitura musical que debuxa contrastes e desdramatiza accións) e unha maraña de problemas sociais como contexto.
Estreada con boas críticas en xullo de 1977, un posterior e lúcido artigo de Julio Cortázar (“Los juegos secretos de Gonzalo Suárez”, 1979) describe a última viaxe dos esmorgantes a través da “atmósfera de alucinación onírica, de enorme farsa fantástica que aumentará todavía más el impacto de regreso a la realidad”. Inmersos na espiral de destrucción que atravesa pazos, burdeis, bodegas e tabernas, atopamos a combinación de paixóns e obsesións que conforman a trama. Espazo entre dous menceres que converxe Eros e Thanatos como crescendo etílico cheo de persoales actrices, Cortázar sintetiza a alternancia de tremendismo, traxedia, épica, mundo onírico e absurdo que crea un relato autoconscente e de enorme interese metanarrativo, aglutinador das perspectivas de ambos autores.
Se o voyeurístico tematiza en Parranda construíndose en relato sobre o sentido da mirada, Suárez fai seu outro apunte. Expresa a verosimilitude narrativa mesma por unha audaz sustitución que domina a película: o maxistrado interrogador de Cibrao, autoridade omitida con espazos en branco en A esmorga e expresión do enorme flash-back que é o relato, aparece aquí como profesor e escribinte do xulgado (gran Fernán-Gómez); en simultáneo narrador e xuíz, manipulador e asesino, contrapunto xerárquico dos antiheroes. A súa transformación en demiurgo narrativo e social permite ao autor fuxir de todo costumismo. A análise das complexidades da conducta, o relativismo da propia narración poñense por enriba do conflito individuo-sociedade.
O guión de Blanco Amor contén a filmación da morte final do reo. Suárez faina desaparecer, unha maior ambigüedade e dureza no desenlace vindicada a toda unha serie de miradas e voces -desesperadas, rebeldes ou ensimismadas- históricamente silenciadas. Aínda que Parranda non tivo éxito comercial, estamos de cheo ante unha interpretacion do texto de Blanco Amor, en absoluto sumisa ou empobrecedora.

 
PARRANDA    
(España, 1977)
Dirección: Gonzalo Suárez. Guión: Eduardo Blanco Amor e Gonzalo Suárez, sobre a novela A Esmorga, escrita polo primeiro. Produción: Lotus Films SL. Fotografía: Carlos Suárez. Intérpretes: José Sacristán, José Luis Gómez, Antonio Ferrandis, Fernando Fernán-Gómez. Duración: 87 minutos.  
Cibrán intenta rexenerarse da súa sufrida vida. Un día sae cara ao traballo e atopa a Bocas e Milhomes, dous esmorgueiros. Cibrán, falto de vontade, únese a eles nunha espiral de mofa etílica e destrución que anticipa a traxedia. Imaxinativa versión da novela de Blanco Amor que Suárez leva cara aos seus intereses facendo converxer unha alucinante viaxe cara á fin da noite con moitos elementos sociais e unha aguda reflexión metanarrativa. Sólido reparto, ben apoiado por un grupo de impresionantes actrices (Charo López, Queta Claver, Isabel Mestre e a arxentina Marilina Ross).

Categoría: Novas
Etiquetas: