MICHEL RUBEN, PRODUTOR EXECUTIVO DE DYNAMO, E EVA EKLAR, SENIOR SALES EXECUTIVE DE HANDMADE FILMS INTERNATIONAL, NO CICA DA CORUÑA

15 / 04 / 2009

 O responsable durante dez anos do departamento internacional de El Deseo, compañía de Agustín e Pedro Almodóvar, Michel Ruben, analizará o próximo venres 17 abril en CICA, o tipo de cine que se produce nos países de Centroamérica e a influencia que o mercado estadounidense exerce sobre el, así como o sistema de distribución de películas nestes territorios e as características dos principais mercados latinoamericanos (México, Brasil, Arxentina e Colombia). A partir deste análise establecerá as diferenzas entre o mercado americano e o europeo. 

Michel centrará tamén parte da súa ponencia en explicar o funcionamento do sistema de axudas e fondos cinematográficos de cada un destes países desde a súa experiencia como especialista neste ámbito. Desde hai catro anos é asesor e produtor executivo para Dynamo, o fondo de inversión e compañía de produción con base en Colombia, cos que participa no desenvolvemento, produción e explotación internacional de varios proxectos en coprodución con países como España, Francia, Alemaña, México e Perú.  

No seu paso pola produtora dos irmáns Almodóvar, Michel ocupouse de todo o referente a coproducións, financiamento, festivais, ventas e distribución internacional, polo que recibiu o crédito de Produtor Asociado en varias das súas producións máis coñecidas como: Todo sobre mi madre, Hable con ella, El espinazo del diablo, Remake y Mi vida sin mí 

Traballou dous anos para HBO, a división de ventas internacionais da cadea de pago estadounidense, coa que presentou dúas películas a competición no Festival de Cannes 2004: The Life and Death of Peter Sellers e La niña santa, das que tamén se encargou das ventas en varios territorios (España, Italia, Benelux e América Latina, principalmente). Tamén participou na presentación da película María, llena eres de gracia no festival de Berlín 2004, ademais de facerse cargo da súa venta a máis de 10 países. 

Pola súa parte, o sábado, Eva Sklar, Senior Sales Executive desde hai dous anos de HandMade Films International, amosará aos alumnos de CICA, a promoción e a venta dos contidos audiovisuais nos mercados internacionais. Eva Sklar, xefa de ventas internacionais durante cinco anos de Lola Films, ensinará como organizar a venta dun produto audiovisual: desde planificar unha axenda de traballo, o axuste de prezos, a preparación de materiais segundo a fase na que estea o produto guións, promo reel, artigos de prensa, críticas, datos de taquilla… ata solicitar screenings dentro do mercado e publicidade nas trade magazines. Incidirá tamén nas diferenzas básicas entre mercados por produto e por tipo de compradores.

A sesión será eminentemente práctica utilizando, exemplos reais do paso por festivais de títulos como: Torrente, Soldados de Salamina, El milagro de Candeal  e Teresa títulos que conforman o extenso catálogo de películas de Lola Films. HandMade Films International (HFI) é a compañía responsable do financiamento e ventas de HandMade Films.

HFI financia, produce e vende longametraxes, entre os que se inclúen títulos como Manolete, con Adrien Brody e Penélope Cruz; Cracks, unha coprodución con Scott Free Productions e Future Films e Eloise In Paris, protagonizada por Uma Thurman e dirixida por Charles Shyer.  

HandMade posúe e explota os dereitos da marca Eloise, un dos personaxes infantís máis famosos nos Estados Unidos, propiedade inicial de George Harrison. Ademais esta compañía –con sede en Londres e Os Ánxeles– foi responsable da produción dalgunhas das películas británicas más recoñecidas dos anos 70 e 80, como The Long Good Friday, Mona Lisa e Time Bandits.

Categoría: Novas
Etiquetas: