CONTINENTAL PRODUCCIONES COMEZA AS PROBAS TÉCNICAS DA LONGA DE ANIMACIÓN REGINA VERBUM

2 / 04 / 2009

Este sábado 4 de abril ás 13:30 no Estudio de Mans (Pocomaco-A Coruña) Continental Producciones comezará as probas técnicas da súa longametraxe de animación Regina Verbum, un thriller histórico que se desenvolve na cidade de Santiago de Compostela na época medieval.  

Esta película será totalmente innovadora en España, xa que será a primeira vez que se mesturen imaxe real e imaxe xerada en 3D. Para iso se realizan estas probas técnicas, co obxectivo de ser en 2010 os precursores dun proxecto destas dimensións. A importancia das probas baséase sobre todo en canto ás contornas estereoscópicas, que permitirán ter imaxes en tres dimensións non obtidas en ningún proxecto cinematográfico en España anteriormente.  

Están implicados no proxecto a empresa Enxebre, especializada no asesoramento, creación e difusión de contidos estereoscópicos (3-D).

Regina Verbum será dirixida por Juan Pablo Echeverry e Fernando de Castro;  Alfonso Parra será o director de fotografía. Pancho Casal é o produtor da longametraxe. A película pretende reconstruír a paisaxe medieval da Galiza dos séculos XII e XIII, e concretamente da cidade de Santiago de Compostela, cunha catedral en plena construción, nunha historia trepidante de intrigas e traizóns. 

Máis información: iria@continental-producciones.es – 981 213 637 – 687 798 689 

Categoría: Novas
Etiquetas: