OFESTIVALON FIVE: A NOVA CARA DO FESTIVAL CREATIVO DE CURTAS ON&OFF, QUE ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN

25 / 03 / 2009

Despois de catro exitosas ediciones baixo a denominación de On & Off Festival Creativo de Curtas, e sendo conscientes do momento de cambios que toca vivir, tamén no mundo da cultura e o audiovisual, o certame aventúrase nunha nova edición, e van xa cinco, dun festival que cambia de cara pero que promete ser máis creativo ca nunca. As bases do certame e a ficha de inscrición están xa dispoñibles na web www.ofestivalon.com.

Unha renovada edición cunha nova concepción creativa, con cambio de imaxe pero co mesmo espírito de sempre. O festival máis vivo do verán comeza, pois, a súa andaina. Nesta quinta edición rebautízase e convírtese en OFestivalON, como resultado da reinterpretación do seu nome anterior e como froito do traballo de 14 profesionais que logo de seis meses de intenso traballo optaron por un cambio de orientación nesta nova edición.

Esta re-denominación mantén o espírito do On&Off, pero quere ir máis aló. O que se ten convertido por méritos propios no festival máis creativo do noroeste peninsular, conta na filmografía da súa sección A Toda Mecha con máis de corenta traballos realizados no marco do propio festival. Títulos como a multipremiada “CORES”, de Jairo Iglesias, “NO TARDES” de Albert Ponte,  “SEN ESCRÚPULOS” e “PODE SER”, ambas propostas  de Carlos Seijo, ou mesmo pezas de coprodución internacional como “BITTERSWEET”, do realizador portugués Gonçalo Miguel  ou “THE FLOWER SELLER”, de Massimo Monacelli, son só algúns exemplos desa concepción creativa que dende sempre inspirou ao festival e que, agora máis que nunca, volverá a facelo ao cumprir un lustro de vida. 

OFestivalON tratará un ano máis de aportar un pequeno gran pulo a un produto tradicionalmente maltratado nos marcos cinematográficos, así coma de ofrecer a posibilidade ao gran público de achegarse ao encontro das creadoras e os creadores e as súas  obras. As bases do certame e a ficha de inscrición están xa dispoñibles na web www.ofestivalon.com para todas e todos os cineastas que desexen participar, e o prazo para formalizar a participación amplíase ata o 15 de maio.

OFestivalON ten como obxectivos a difusión e promoción de filmes de curta duración a través dunha serie de proxeccións que se realizarán no marco do V Concurso Internacional de Curtametraxes. Nesta edición, para que non se produza ningún ERE no marco do Festival, conxélanse os premios, polo que a sección conta cos mesmos galardóns que na anterior, quedando da seguinte maneira:

·          Misto de Pau de Sabugueiro á Mellor Curta de Ficción_ 1200,00 €

·         Misto de Pau de Carballo á Mellor Curta Documental 1200,00 €

·         Misto de Pau de Castiñeiro á Mellor Curta de Animación_ 1200,00 €

·         Misto de Pau de Loureiro á Mellor Curta do Público_1200,00€ 

OFestivalON celebrarase os días 28, 29 e 31 de xullo e 1 de agosto en Galicia, e contará con múltiples actividades paralelas, coma concirtos, encontros e charlas con e entre profesionais ou gravacións de curtametraxes no marco da sección A Toda Mecha, entre outras moitas sorpresas que a organización ten preparadas para esta quinta edición. Así, o evento convertirase, un ano máis e como vén sendo habitual, nunha das grandes citas coa curtametraxe nos meses de verán, este ano coa incorporación de multitude de sorpresas creativas que iranse colgando pouco a pouco na web www.ofestivalon.com.

Categoría: Novas
Etiquetas: