ÚLTIMOS DÍAS PARA PRESENTAR CANDIDATURAS AOS PREMIOS MESTRE MATEO DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

22 / 12 / 2008

O 2 de xaneiro remata o prazo para presentar candidaturas á sétima edición dos Premios Mestre Mateo que convoca a Academia Galega do Audiovisual. A entidade ven de constituír a Comisión de Seguimento que nestes días comeza os seus traballos preparativos de cara a supervisar, logo do peche do prazo de presentación en menos de dúas semanas, o cumprimento das bases dos galardóns por parte de todos e cada un dos traballos aspirantes.
A comisión está formada por nove membros que representan a outras tantas áreas: na área de Arte, Alberto Taracido; na de Dirección, Virgina Curiá; Escritores audiovisuais, Sabela Pillado; Fotografía, Juan Morgade; Interpretación, Estíbaliz Veiga; Música/Son, Manuel Conde; Post-produción, Luis “Fara” Fernández; Produción, Marce Magán; Promoción, Lilian Horst.

Poden aspirar a estes premios as longametraxes, películas, series e programas para televisión, documentais, curtametraxes de ficción e animación, obras experimentais, obras publicitarias e obras interactivas así como os profesionais que participen nestas producións –agás nas curtametraxes, obras experimentais, publicitarias e interactivas- e que cumpran os requisitos das categorías específicas. As bases pódense consultar na web da Academia, www.academiagalegadoaudiovisual.gal

Segundo sinalan as condicións de admisión, as longametraxes –producións cinematográficas de duración superior a 60 minutos- deben ter sido estreadas en salas comerciais ou festivais cinematográficos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2008, e cumprir calquera dos seguintes requisitos: que a versión orixinal sexa en lingua galega ou que, como mínimo, o 25 por cento da produción corresponda a unha ou varias produtoras con domicilio social en Galicia, ou que o 50 por cento do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente en Galicia. No caso específico das longametraxes, tamén poderán sumar o 25 por cento en conxunto o equipo técnico e artístico, sempre que unha das autorías sexa galega (director, guionista ou autor da música orixinal). Para contar todas estas porcentaxes non se terán en conta aos meritorios nin aos bolseiros. As condicións para os demais formatos son semellantes ás das longametraxes.

As candidaturas ás diferentes categorías -26 en total- dos Premios Mestre Mateo poderán ser presentadas polas entidades con dereitos sobre a obra correspondente ou por calquera académico con dereito a voto. As categorías son: Longametraxe, Película para TV, Programa de TV, Serie de TV, Documental, Obra Experimental, Obra Interactiva, Obra Publicitaria, Curtametraxe de Ficción, Curtametraxe de Animación, Dirección de Produción, Dirección de Fotografía, Maquillaxe e Perruquería, Deseño de Vestiario, Dirección Artística, Montaxe, Son, Guión, Música Orixinal, Dirección, Realización, Comunicador de TV, Interpretación Masculina Protagonista, Interpretación Feminina Protagonista, Interpretación Masculina de Reparto, Interpretación Feminina de Reparto. Como en anteriores edicións, haberá Premios Honoríficos, a criterio da Xunta Directiva da Academia tanto na súa designación como denominación.

Calendario dos Premios Mestre Mateo 08.

Ata o 2 de xaneiro: recepción de candidaturas.
19 de xaneiro: publicación de candidaturas aceptadas e ábrese o prazo de alegacións de socios.
23 de xaneiro: péchase o prazo de alegacións.
29 de xaneiro: publicación das candidaturas definitivas presentadas.
11 de febreiro: envío de papeletas para a primeira rolda de votacións.
2 de marzo: finaliza o prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
12 de marzo; publicación dos finalistas.
13 de marzo: envío de papeletas para a segunda rolda de votacións.
1 de abril: fin do prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
Abril 2009: GALA PREMIOS MESTRE MATEO 08

Etiquetas: