UN PROXECTO DE DOCUMENTAL GALEGO ELIXIDO PARA O DOCSBARCELONA DE ENTRE 165 PROXECTOS DE TODO O MUNDO

17 / 12 / 2008

O proxecto galego de longametraxe documental Nacional-VI foi un dos 24 proxectos seleccionados para participar no Pitching Forum de DocsBarcelona 2009. Este evento, en tan só tres edicións, converteuse no mercado máis importante de España e nun dos máis esixentes de toda Europa, polo que pasar a criba de selección xa supón un éxito. Nacional-VI é o único proxecto galego participante e foi escollido de entre 165 propostas procedentes de 35 países.
Nacional-VI, producido e dirixido polo compostelán Pela del Álamo, conta co apoio de Play-Doc, Junta de Castilla y León e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Coa asistencia a DocsBarcelona, o seu produtor tratará de atopar socios para a posprodución e a distribución da película, así como ter entrevistas con directivos de varias canles de televisión que mostraron seu interese, todas elas de fora de Galicia.

O Pitching Forum de DocsBarcelona está dedicado en exclusiva á industria do documental. Os proxectos seleccionados presentaranse ante un panel de xefes de programación de televisións e festivais e axentes de compras procedentes de todo o mundo. Tamén poderán acudir, como observadores, os profesionais da industria que queiran poñerse ao día das tendencias temáticas e estilísticas da produción internacional.

As sesións de pitching terán lugar o xoves 29 e o venres 30 de xaneiro. Entre outras canles de televisión, destaca a presenza en DocsBarcelona de Arte France (Francia), ITVS (Estados Unidos), YLE (Finlandia) ou Sogecable (España).

Nacional-VI é o segundo documental de Pela del Álamo, que tamén produciu e dirixiu A Cuarta Pista, documental sobre o “novo circo” no que participaron Leo Bassi, Luis Tosar, o colectivo Pistacatro, etc.

Nacional-VI, que está practicamente rodado, é o retrato da que foi unha das rutas con máis protagonismo da Península Ibérica e que hoxe, como tantas outras, foi relegada ao esquecemento por unha autoestrada. Unha road movie documental que “revisita” aquelas viaxes da infancia nas que saír ou entrar de Galicia era toda unha odisea.

No ámbito audiovisual, un pitch é a presentación dun proxecto co ánimo de atopar financiamento e/ou distribución. O pitch adóitase dirixir a un produtor, un xefe de programación dunha televisión ou un distribuidor.

Categoría: Novas
Etiquetas: