Pradolongo, o filme galego máis visto de tódolos tempos, volverá a achegarse este Nadal aos fogares galegos logo da exitosa xira que o levou a percorrer case oitenta puntos da xeografía galega e portuguesa ao longo do pasado verán, e farao en formato DVD e Blu Ray.
O lanzamento da película para o consumo caseiro servirá para que todos aqueles que disfrutaron da película no seu momento poidan voltar a emocionarse tantas veces como queiran con esta historia 100% galega que dende a súa estrea vén colleitando éxitos tanto a nivel galego como a nivel estatal.
Numerosos galardóns, entre os que se contan o Premio Ciudad de San Sebastián Film Commission, outorgado na 56ª edición do prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián, e o Premio Jerry Goldsmith á Mellor Banda Sonora e Mellor Compositor Novel para Zeltia Montes polo seu traballo no filme, outorgado no II Congreso Internacional de Música de Cine Ciudad de Úbeda, confirman o bo facer dunha equipa galega na súa práctica totalidade na que os novos actores Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto son a cabeza visible.
Os tres protagonistas acompañarán a Ignacio Vilar, director da cinta, no seu periplo por establecementos comerciais de todo o país co obxectivo de achegarse unha vez máis ao público con actos de presentación que inclúen sesións de sinatura de exemplares para todos aqueles espectadores que así o desexen.
Ademais da película, estará tamén dispoñible en formato CD a banda sonora do filme.