TVG ESTREA O VINDEIRO SÁBADO 8 DE NOVEMBRO “A REVOLTA UNIVERSITARIA DO 68” NO GALICIA DOCUMENTAL

7 / 11 / 2008

Mañá sábado 8 de novembro TVG emite por primeira vez o documental da Fundación 10 de marzo “A revolta universitaria do 68. Unha loita da mocidade galega” as 16 horas no espazo Galicia Documental.

“A revolta universitaria do 68” é documental de 26 minutos de duración producido por IBISAtv para a Fundación 10 de marzo. En conmemoración dos feitos acontecidos en Santiago de Compostela no ano 68, a Fundación 10 de marzo levou a cabo varias inicitativas como a edición do libro Do “Gaudeamus Igitur” ao “Vencemos nós”, a exposición Do “Gaudeamus igitur” ao “Venceremos nós”. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela que estivo en Santiago de Compostela do 28 de febreiro ó 27 de marzo e do 5 de xuño ó 6 de xullo Lugo ou este documental.

O documental conta a historia dun rapaz que chega a Santiago no ano 2007 para estudar na universidade. No piso que aluga atopa unhas caixas, dentro das cales hai uns documentos que o mergullan na Compostela do ano 68.

A investigación do protagonista, levará ó espectador a coñecer a loita que os estudantes universitarios mantiveron coas autoridades académicas e civís en defensa dunha educación libre e democrática. Os feitos descritos tiveron especial relevancia por anticiparse ás revoltas iniciadas ese mesmo ano nas universidades de todo o mundo; ademais de ser a folga máis prolongada do sistema universitario español e de enfrontarse a un réxime totalitario.

Algúns dos protagonistas da revolta universitaria axudarán a conformar o armazón deste relato. No curso 67/ 68 escribiuse unha das páxinas máis fermosas da xuventude galega e da cidade de Santiago.

Categoría: Novas
Etiquetas: