UNHA DELEGACION DO CLAG VIAXA A AMSTERDAM PARA ASISTIR AO IBC, O MERCADO TECNOLÓXICO MÁIS IMPORTANTE DE EUROPA

11 / 09 / 2008

Unha delegación de once empresas socias do CLAG viaxa hoxe a Amsterdam, baixo o paraugas corporativo do Clúster, para asistir á Exhibition IBC 08, que se celebra nesta cidade holandesa do 12 ao 16 de setembro. O cine dixital, a televisión para móbiles ou a distribución de contidos multimedia a través de Internet (IPTV) son algúns dos temas que se abordarán no IBC.
O IBC 08 de Amsterdam é o mercado da tecnoloxía da industria do entretemento máis importante de Europa e un dos máis salientables do mundo, considerado punto de referencia para a industria do sector. Baixo o lema “Pola industria, para a industria”, este evento é un relevante acontecemento mundial para os profesionais da creación, xestión e entrega de contidos da industria do entetemento.

A feira IBC está consolidada como unha das principais citas para os profesionais dedicados á creación e dirección de contidos para o entretemento. IBC ten un carácter eminentemente profesional, no que se combina a exposición de novidades nun gran número de stands, cun programa de conferencias diario e actividades de valor engadido para que os visitantes poidan achegarse a algunhas das novas tecnoloxías.

Considerando a relevancia deste mercado para o sector audiovisual galego, o CLAG promove este ano, por primeira vez, a presenza das súas empresas asociadas no IBC, estando prevista a participación das compañías galegas: Arantia, Spica, Isabella Audiovisual, Filmanova, Ficción Producciones, LambdaStream, Voz Audiovisual, Continental, Cinemar Films, CTV e Tecnocom.

Categoría: Novas
Etiquetas: