CURTOCIRCUÍTO E GALICIA DIXITAL ÚNENSE PARA PREMIAR A INNOVACIÓN NAS CURTAMETRAXES

8 / 09 / 2008

Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, estrea este ano a Sección Explora, que recolle os traballos máis experimentais e as novas formas de creación no mundo da curtametraxe.
Galicia Dixital, a exposición dependente da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, únese ao festival compostelán para seguir divulgando as creacións audiovisuais e multimedia máis avanzadas. A entidade será a patrocinadora do Premio Explora-Galicia Dixital, valorado en 3.000 euros e o trofeo de Curtocircuíto que se concederá na Gala de Entrega de Premios que clausurará o festival o 24 de outubro.

O comité de selección será o encargado de decidir qué curtas das 2.558 presentadas ao concurso se proxectarán durante a Semana Oficial e cáles delas competirán na Sección Explora-Galicia Dixital, que se proxectará no Centro Galego de Arte Contemporáneo, entre o 17 e o 24 de outubro.

O Festival organiza tamén o III Mercado Internacional de Curtocircuíto. O catálogo deste ano conta con 2.647 curtas que estarán a disposición de tódolos profesionais acreditados no Mercado, que se celebrará entre o 20 e o 24 de outubro co obxectivo de promover as relacións comerciais entre curtametraxistas, compradores, distribuidores e demais profesionais que visiten o Festival neses días.

As actividades de Curtocircuíto, coordinadas polo departamento dirixido polo nacionalista Xosé Manuel Iglesias, puxéronse en marcha co concurso de guión Compostela Plató e co ciclo de curtas ao aire libre Curtocircuíto na Rúa, e continuarán durante a Semana Oficial con máis proxeccións, exhibicións, obradoiros de formación e moitas outras actividades relacionadas co cinema de curta duración.

Categoría: Novas
Etiquetas: