O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA “RAÍCES” POR CUARTO ANO CONSECUTIVO

11 / 08 / 2008

O obxecto desta convocatoria é subvencionar a produción de longametraxes cinematográficas realizadas en réxime de coprodución con empresas produtoras independentes de Arxentina e Andalucía, co fin de que poidan desenvolver obras audiovisuais de calidade e se favoreza o intercambio de talento técnico e artístico entre os tres territorios, fomentando así a presenza e promoción do sector audiovisual galego noutros territorios.
O anuncio desta resolución sairá publicado o mércores, 13 de agosto, no número 156 do Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 3 de outubro de 2008.

O importe total destinado a estas axudas por parte das tres institucións convocantes nesta cuarta convocatoria é de 500.000 ¤ o importe máximo subvencionable por proxecto é de 150.000 ¤.

As producións subvencionables deberán ser coproducións internacionais hispano-arxentinas nas cales participen, como mínimo, dúas empresas produtoras dos territorios que forman parte desta convocatoria do Acordo Raíces.

A valoración das solicitudes correrá a cargo dunha comisión formada por membros das institucións do Fondo Raíces e basearase, entre outros, nos criterios cualitativos do proxecto (orixinalidade e interese do argumento, estrutura do guión e calidade dos diálogos e da narración, trato visual, historial do equipo técnico e do equipo artístico) e nos criterios industriais (historial da produtora solicitante, das empresas coprodutoras e dos produtores executivos, financiamento, plan de lanzamento, análise e previsión dos ingresos, adecuación e coherencia do presuposto ao proxecto presentado). A reunión desta comisión terá lugar en Huelva, coincidindo coa celebración do Festival Iberoamericano de Cine.

No referente ao sistema de pago: o primeiro do 50% realizarase no momento da concesión, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na convocatoria; un 30% da axuda ao inicio da rodaxe (que deberá ter lugar antes do 31 de marzo de 2008) e un terceiro e último pago do 20% restante á entrega dos materiais.

Con esta medida preténdese favorecer ás produtoras beneficiarias xa que disporán do 80% do importe da subvención ao inicio da rodaxe.

Os proxectos subvencionados ata a presente convocatoria obtiveron un grande éxito e recoñecemento internacional e foron os seguintes: Pérez, o ratiño dos teus soños I e II de Filmax Animation, Abrígate de Continental Producciones, A velocidade funda o esquecemento de Produtora Faro Lérez, O neno de barro de Adivina Producciones, Algo farían de IB Cinema e O vestido e azul de Ardora Filmes. Convén destacar, por exemplo, o Goya á mellor película de animación que obtivo Pérez o ratiño dos teus soños no ano 2006, o triunfo de O neno de barro na pasada gala dos premios Mestre Mateo onde obtivo 9 galardóns da Academia Galega do Audiovisual e a participación, no ano 2007, de Abrígate na Mostra de Cine Iberoamericano de Lleida onde obtivo o Premio do Público, o Premio de TVE e o Premio á Mellor Actriz (María Bouzas).

O programa Raíces consolídase como o representante das estratexias de coprodución internacional establecidas polo Consorcio Audiovisual de Galicia, neste caso con Arxentina e Andalucía. Este mesmo ano, adxudicáronse as mesmas axudas dentro do fondo de coprodución con Brasil e, en breve, formalizaranse novas mediadas de cooperación bilateral con outros países europeos e hispanoamericanos.

Etiquetas: