A COMPOSITORA ZELTIA MONTES GAÑA O PREMIO JERRY GOLDSMITH POLA MÚSICA DE PRADOLONGO

11 / 07 / 2008

A música de Pradolongo, da man da súa compositora Zeltia Montes, ven de facerse co premio máis importante dos que se conceden no congreso internacional especializado en música de cine “Ciudad de Úbeda”. Zeltia Montes recibiu tamén o premio á mellor compositora novel.

Este congreso é un evento de carácter internacional adicado especialmente á música cinematográfica, no que durante catro días teñen lugar proxeccións, charlas e concertos ao que asisten os recoñecidos profesionais. Ao certame deste ano asisten entre outros Jaume Balagueró, Carles Cases, Christopher Slaski, Roque Baños, Juan Antonio Bayona e Alberto Iglesias.

No Congreso concédeselle cada ano unha atención especial aos novos compositores da man do premio Jerry Goldsmith a novos creadores, que sirven como recoñecemento e apoio aos compositores que se están iniciando no eido audiovisual. Como sinalamos, a gañadora desta edición é Zeltia Montes pola música de PRADOLONGO.

Nacida en 1979, Zeltia é compositora de música para cine, televisión e música contemporánea. Cursou estudios no Real Conservatorio de Música de Madrid, na Escola de Música de Madrid e na prestixiosa ¨Berklee College of Music¨, onde se especializou en música de cine e onde se graduou obtendo unha dobre licenciatura nas especialidades de Composición e Films Scoring, recibindo o máximo premio Fin de Carreira Summa Cum Laude. Foi elexida compositora da nova orquestra Berklee Contemporary Symphony Orchestra paraa tempada 2007 – 08, e da prestixiosa Orquesta de Música Contemporánea ALEA III. Dende maio de 2008 reside en Los Ángeles.

Logo do seu exitoso paso polas salas comerciais, PRADOLONGO será proxectada este verán por toda Galicia nas sesións especiais de cine de verán nas que colabora Mr. Misto e a Deputación de Lugo.

Máis información:
– Entrevista a Zeltia Montes por Pradolongo na páxina blogmundobso.blogspot.com
– Na páxina web personal de Zeltia Montes
– Na páxina web do IV Congreso Internacional de Música de Cine “Ciudad de Úbeda”
– www.meupradolongo.com
– www.pradolongo.net

Producida por Vía Láctea Filmes PRADOLONGO conta coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación en Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega, da Deputación de Ourense. Tamén contou coa coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual, Turgalicia, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Categoría: Novas
Etiquetas: