A película ven de facer 6.000 espectadores en tan só os dous cines nos que se proxectaba e só nunha semana. As cifras récord da primeira fin de semana mantivéronse, e o público continuou enchendo os cines, quedando as sesións sen localidades. Pradolongo chega aos cines de Ourense hoxe xoves 27, e o equipo presentará a película na cidade o mesmo día ás 12:00 h
Esta semana desembarca en Ourense o equipo de Pradolongo co seu director Ignacio Vilar ao frente, quen acompanado polos actores Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto están a presentar o filme en institutos, facultades e asociacións de toda a provincia.
Abraiados pola resposta do público nos cines nos que se proxectou ate o de agora (dúas salas en A Rúa e O Barco), o equipo presentará este mesmo xoves ante os medios a película, que se estrea nos cines Box de Ourense o mesmo xoves 27.
Ao encontro de hoxe coa prensa asisten o director Ignacio Vilar, os actores protagonistas Rubén Riós, Roberto Porto e Tamara Canosa así como os actores ourensáns Belén Cónstenla, Fernando da Costa e Aitor Rei
O equipo falará do que está a acontecer con este filme falado en galego de Valdeorras que ven de superar calquera expectativa inicial, e da que se están a preparar iniciativas especiais en internet nas que recoller toda a enerxía que se desenvolve en torno a él.
A película estará no resto das cidades galegas a partir das seguintes datas:
– 4 de abril en Vigo
– 11 de abril A Coruña
– 18 de abril Pontevedra e Narón
Producida por Vía Láctea Filmes, PRADOLONGO conta coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación en Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega, da Deputación de Ourense, asi como coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual e Turgalicia.