A delegación do Clúster Audiovisual Galego, CLAG, que participou en misión comercial no festival internacional de películas de animación Cartoon Movie, celebrado en Postdam (Alemaña), obtivo cun balance de máis de medio cento de contactos internacionais con distribuidores, produtores e profesionais participantes no festival provintes de 29 países. Cartoon Movie chegou a esta décima edición superando os máis de 600 participantes.
A participación do CLAG en Cartoon Movie estivo representada por cinco empresas asociadas de contidos de animación: Ficción Producciones, Deboura Deseños Animados, Deboura Cultural, Brent Entertainment, Continental Producciones e Filmax Animation. A súa vez esta última produtora presentou no festival dous dos seus últimos filmes: “Donkey Xote” e “Nocturna”, este ultimo nominado ao Mellor Director de Animación Europeo do Ano .
Finalmente o premio ao Mellor Director foi para os franceses Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud, directora e coprodutor respectivamente do filme “Persepolis”. Europa Distribution recibiu o premio ao Mellor Distribuidor Europeo e o premio, á Mellor Produtora Europea, foi obtido pola francesa Prima Linea Productions por “Peur du Noir”.
O CLAG decidiu partipar neste festival, consolidado como unha das citas máis importantes do sector da animación a escala internacional e no que o 40% das películas presentadas son financiadas, -tal e como comunicou a organización do festival-, co obxectivo de impulsar as producións galegas no mercado internacional, aproveitando o momento de crecemento actual que está a experimentar a animación europea xa que, como indicou a organización de Cartoon Movie, nos últimos tres anos a audiencia de películas de animación europeas multiplicouse por seis e agárdase que siga a incrementar con este ritmo.
Deste xeito, durante estes anos de festival foi posible o financiamento de 123 filmes cun importe de 800 millóns de euros (6.675.000 ¤ de media por película financiada). Por outra banda, cómpre destacar que España é o terceiro país en número de coproducións realizadas no marco deste festival (un total de 25) por detrás de Francia (41) e Alemaña (26).