EMPRESAS ASOCIADAS AO CLAG PRESENTAN EN BROADCAST AS SÚAS ÚLTIMAS NOVIDADES TECNOLÓXICAS

9 / 11 / 2007

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG), agrupación empresarial que reúne a 49 compañías da industria audiovisual de Galicia, ofreceu onte unha rolda de prensa no stand paraugas que este organismo teñe na XIII edición do Salón Internacional da Tecnoloxía Audiovisual, en IFEMA, para presentar as últimas novidades tecnolóxicas en produtos e servizos das súas empresas asociadas. O acto, ao que asistiron o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel Xosé Fernández Iglesias, a directora financeira do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Cristina Quintela, e o presidente do CLAG, Antón Reixa, consitiu na presentación dos proxectos e novidades das empresas asociadas ao CLAG participantes en Broadcast 2007.

A firma Spica presentou o sistema “Séneca I-Boss”, tecnoloxía que fai posible a xestión integral de calquera tipo de sala, integrando o control das pantallas de proxeción, proxectores e plasmas, iluminación, mesas de mezclas, matrices de audio e video, cámaras, videoconferencias, canceladores de eco, microfonía, sistemas de video-wall, sistemas de votación ou escamoteables. A súa vez, este sistema permite o control da automatización dos sistemas domésticos. Asemade, Spica presentou outro sistema, chamado “Séneca XS”, que permite a gravación de video e audio en varios formatos e o control de cámaras e dispositivos, tanto automatica como manualmente, así como volcar os arquivos en distintos dispositivos de salida. Ademais, intégrase á perfeción con sistemas de debate dixitais ou analóxicos e permite múltiples ampliacións para funcións de trascrición por varios usuarios.

Outra empresa asociada ao CLAG, Adivina Producciones, anunciou o novo servizo de última tecnoloxía en HD “Adivina Service + HD” que ven de incorporar. A través deste servizo Adivina ofrece ás empresas produtoras de cine, tv, documentais, curtometraxes, publicidade ou vídeos corporativos a última tecnoloxía en HD en gravación, montaxe e postprodución coas máis avanzadas características técnicas: sistema de edición Autodesk Smoke HD, Avid Media Componer Adrenalina HD, estacións de grafismo HD Combustion e Alter Effects e cambios en todos os formatos .

A súa vez, a compañía Lambdastream, adicada ao desenvolvemento de produtos e solucións software para televisión personal interactiva, deu a coñecer as plataformas de televisión digital Youlike.tv e Pulsar Rent. Lambdastream a través da súa propia rede de distribución de contidos (CDN), comercializa en outsourcing os servizos de Internet TV coa plataforma Youlike.tv., que facilita a todo aquel que dispón de contidos, a súa posta en valor a través dunha canle propia de televisión por Internet, con videos baixo demanda e coa posibilidade de emisións de eventos en directo. Por outra banda, a través da súa plataforma Pulsar Rent, Lambdastream tamén facilita en outsourcing os servizos de Cartelería virtual e Marketing Dinámico, e para redes de cualquera tamaño y número de pantallas operativas, facilitando e reducindo os costes de posta en marcha, operativa e mantenimento.

Ficción Producciones presentou o labor da compañía, estruturada en tres líiñas complementarias de negocio: por unha banda, a produción de contidos de ficción realizados dende a comunidade galega para o mercado nacional e internacional; por outra banda, a oferta de servizos de produción de campo a outras produtoras; e finalmente, a representación en exclusiva en Galicia da empresa líder nacional en medios técnicos cinematográficos EPC, que conta con unha traxectoria de 20 anos á vangarda tecnolóxica da industria cinematográfica e do vídeo. Ficción Producciones, como empresa de servizos da industria cinematográfica, conta con destacados e experimentados profesionais técnicos e creativos, así como coas últimas tecnoloxgías , entre as que destaca, o equipo AVID NITRIS, que ofrece unha calidade técnica óptima na montaxe dos proxectos da compañía.

Finalmente Filmanova, presentou os últimos proxectos desenvolvidos pola compañía: o modelo de Tv corporativa dunha entidade financeira, “Caixanova TV” e os novos contidos para móbiles “Vale Tudo” r “El Ascensor”. Éste último consiste nunha serie de cápsulas cómicas para teléfonos móbiles.

Catro anos de sólido entramado empresarial

Dende a súa creación en febreiro de 2003, o CLAG cumpriu catro anos como un sólido entramado empresarial que reúne a 49 compañías, que representan toda a cadea de valor da industria audiovisual. Entre as empresas asociadas atópanse algunhas das empresas de tecnoloxías da información e de produción máis prestixiosas, recoñecidas e galardoadas, constituíndo algún dos expoñentes máis recentes deste talento as nominacións das curtas “A Flor máis grande do mundo” da produtora Continental e “O bufón e a infanta” de Dygra Films, ambas socias do CLAG, aos Premios Goya, que se fallarán o 17 de decembro, dentro da categoria de curtametraxes. Na convocatoria do pasado ano, o premio Goya á Mellor Película de Animación foi para o filme “Pérez, o rato dos teus sonos” de Filmax, tamén socia do CLAG.

Nestes 4 anos o CLAG puxo en marcha innumerables iniciativas, tanto no eido do desenvolvemento das novas tecnoloxías como no creativo, fomentando os recursos humanos e a internacionalización , impulsando en gran medida a expansión do sector galego.

Categoría: Novas
Etiquetas: