Unha novidosa perspectiva multicultural da viaxe, baixo o prisma especial dun convidado, é a característica principal da nova serie documental que a Galega pon en marcha a noite do domingo, unha produción de Filmanova para TVG, dirixida e presentada por Antón Reixa. A serie, de 13 entregas, é unha proposta de achegamento á Galicia práctica e entrañable, á vez que con certa base cultural, etnográfica e antropolóxica A serie documental, dirixida e presentada por Antón Reixa, reflicte unha perspectiva multicultural baixo os ollos do visitante
Galicia, Cruce De Miradas, unha nova proposta de viaxe polo territorio galego
Cada programa contará cun convidado especial que dará a súa particular visión ao percorrido
Unha novidosa perspectiva multicultural da viaxe, baixo o prisma especial dun convidado, é a característica principal da nova serie documental que a Galega pon en marcha a noite do domingo, unha produción de Filmanova para TVG, dirixida e presentada por Antón Reixa. A serie, de 13 entregas, é unha proposta de achegamento á Galicia práctica e entrañable, á vez que con certa base cultural, etnográfica e antropolóxica. A base inicial é converter este tempo de entretemento ou de ocio nunha axenda ou roteiro audiovisual para potenciar tanto o turismo exterior como o foráneo. O espectador da serie contará, despois de vela, con datos suficientes e información para organizar e fundamentar os seus percorridos por todo o territorio galego.
Porque non hai unha Galicia única, senón múltiples miradas arredor dela, a serie documental contará cun ritmo de narración ao estilo de conversa, guiada por Antón Reixa, que achegará tanto lugares como personaxes visitados, con indicacións específicas de gastronomía e aloxamento, e contando coas colaboracións de distintos convidados que van achegar en cada programa a súa experiencia persoal aos percorridos.
En cada cidade ou vila de Galicia (Santiago, Lugo, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Vigo, Vilagarcía, Betanzos..etc) o programa contará cun artista proveniente da literatura, a escena, a arte ou a música, aos que se lles facilitan pequenas cámaras de vídeo para que, na súa calidade de turistas autóctonos e notables, tomen imaxes daqueles lugares de cadansúa cidade aos que se sintan especialmente vinculados. En conversa con Antón Reixa, estes convidados glosarán as súas motivacións e datos sobre os lugares escollidos.
A VISIÓN DOS COLABORADORES: GALICIA MÁXICA E FOTOGRÁFICA
Contribuíndo a este roteiro audiovisual da Galicia práctica, turística e cultural estarán como guías e asesores da serie Felipe Senén e Xurxo Lobato, que darán as súas diferentes visións profesionais. Así, en O labirinto dos trasnos, Senén ofrecerá un percorrido por todos os aspectos da Galicia máxica, como poden ser San Guillerme de Fisterra, A Casa do Demo en Anllóns, A Lanzada, o Pozo da Sila no río Miño, a Pedra de namorados na Picaraña de Ponteareas, as Ninfas das Burgas, o Castro da Xironda, a Cripta do Apóstolo, o Dolmen de Dombate, Vilarbacú e Piapaxaro, eira das meigas no monte Neme, O Pindo ou o Santiaguiño do Monte.
Dende a sección A guía secreta, o espectador poderá seguir o itinerario proposto polo fotógrafo Xurxo Lobato para percorrer diferentes rutas de Galicia, con especial atención aos lugares e personaxes singulares que visitará ficcionando a súa profesión.
Espazos, misterios…
Aínda que non o pareza, Galicia segue a ser unha mina paisaxística con multitude de misterios e espazos para descubrir. Algunhas propostas de rutas recollidas na serie son as do Ribeiro e Bocarribeira (De Oseira a Ribadavia), Ribeira Sacra (De Monforte a Montederramo), país da memoria (A Limia e Allariz), Terras de Mondoñedo (de Bretoña a Sargadelos), Os camiños de Santo Andrés de Teixido (de Ferrolterra a Bares), A Terra Chá, O Courel, A Costa da Morte, Muros e Noia (nos camiños de Santo Ourente de Entíns), O Mar de Arousa, Lérez (de Terra de Montes a Pontevedra), Miño despídese (do Condado ao Castro do Tegra).
Miradas cruzadas: Os convidados
Eles son…
• Uxía Blanco (Vigo)
• José de Cora (Lugo)
• Yolanda Castaño (A Coruña)
• Xosé Fortes (Pontevedra)
• Chus Pato (Ourense)
• Silvia Superstar (Vigo)
• Xosé Ramón Gayoso (A Coruña)
• Miguel Anxo Murado (Lugo)
• Carlos Blanco (Santiago)
• Julián Hernández (Vigo)
• Sonia Castelo (Ferrol)
• Morris (Vigo)
• Diego Ameixeiras (Ourense
Ficha técnica da serie:
-Produtor executivo, director e presentador: Antón Reixa
-Realizador: Tonche Segade
-Director de produción: Xavier Eirís
-Colaboradores: Xurxo Lobato
Felipe Senén
-Guión: Paco Abelleira
-Música orixinal: Marcos Paino
-Asesora documentalista: Eva Sanjurjo