A conselleira de Cultura e Deporte, Anxela Bugallo, e o presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Antón Reixa, inauguraron esta mañá o Laboratorio de Análise de Guión Cinematográfico Guionlab, que se celebra no Centro Social de Caixanova en A Coruña, organizado polo CLAG, en colaboración coa Axencia Audiovisual Galega e Caixanova. Os 11 proxectos participantes terán a oportunidade de converterse en guións de éxito
O CLÚSTER AUDIOVISUAL INAUGURA GUIONLAB, UN LABORATORIO DE ARQUITECTURA DE GUIÓNS CINEMATOGRÁFICOS
A Coruña, 30 de maio de 2007.- A conselleira de Cultura e Deporte, Anxela Bugallo, e o presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Antón Reixa, inauguraron esta mañá o Laboratorio de Análise de Guión Cinematográfico Guionlab, que se celebra no Centro Social de Caixanova en A Coruña, organizado polo CLAG, en colaboración coa Axencia Audiovisual Galega e Caixanova. Durante o acto, a titular de Cultura destacou o carácter ambicioso dos proxectos que está a desenvolver o CLAG e reiterou o seu apoio ao sector audiovisual galego, mentres Reixa sinalou que Guionlab representa unha volta aos nosos oríxenes máis creativos. Na inauguración de Guionlab, que se prolongará nunha primeira fase ata o vindeiro día 1 de xuño, estiveron tamén presentes o director do Laboratorio, Enrique Nicanor, e o directivo de Caixanova, Manuel Doldán Pita. O obxectivo de Guionlab é dotar aos guionistas coas ferramentas de análise, estrutura e recursos para ser capaces de profundizar na arquitectura dos guións cinematográficos e dotalos de capacidade de participación e acceso aos mercados nacionais, europeos e internacionais de financiamento e co-produción.
Os 11 proxectos que participan durante estes tres días en Guionlab van experimentar un longo proceso de desenvolvemento e traballo a partir de pautas e técnicas de guión cinematográfico ata chegar a converterse en verdadeiros guións de cine. Hoxe os 11 guionistas parten de proxectos en bruto, simples ideas que irán collendo forma a medida que avanza Guionlab. Entre os proxectos participantes, atopanse historias de todo tipo:
• unha trama de intoxicacións masivas pola inxesta dun alcohol prohibido na época franquista, titulada Metílico, a bebida da morte de Ignacio Vilar e Ledicia Costa;
• unha historia mitolóxica desenvolvida en Galicia trala Guerra Carlista onde o final do mundo antigo e salvaxe dos Señores da Terra estará a punto de rematar para sempre, títulada Cando veña a noite, de David Pérez Iglesias;
• a apaixoante historia dunha expedición en avión ao Alto do Amazonas protagonizada por históricos e intrépidos persoaxes galegos de comenzos do século XX, titulada Alfonso Braña,o regatón do Amazonas de Carlos Oro;
• o triunfo da imaxinación por enriba da realidade na aldea galega de Penedia, baixo o título Nación X de Xosé Morais;
• o relato da vida de Picasso ao longo do periodo bélico 1936-1945, baixo o título Picasso en guerra: 1936-1945 de Miguel Abad;
• a descrición da vida e cultura himalaia a través dunha historia de amor entre dous sherpas, titulada Nas portas do ceo, de Mamen Quintas;
• unha historia sobre sentimentos que superan as fronteiras, as culturas e as nacionalidades, titulada Fóra de lugar, de Luisa Romeo;
• unha intriga ao máis puro estilo policíaco na que nada é o que parece, baixo o título O que calan os nenos sabios de Pablo Iglesias Rendo;
• un western ambientado no camiño de Santiago dun futuro post-apocalíptico, titulado O home do cabalo branco de Gonzalo G. Velasco;
• os desesperados intentos dun mago por conseguir o amor dunha bruxa, para o público máis cativo e baixo o título Gago X Merenda, de Ánxela Loureiro ;
• e un conto sobre perdedores e potenciais gañadores que nalgún intre deixaron escapar a súa oportunidade pero que seguen albergando ilusións no máis profundo do seu ser, titulado Pequenos seres incompletos, de Pachi Baranda.
Asesoramento de expertos internacionais no análise de guión
Durante as sesións de Guionlab, iniciadas esta mañá na súa primera fase, os 11 guionistas seleccionados contan coa tutoría de catro recoñecidos expertos no análise de guión cinematográfico procedentes de diferentes partes do mundo: Clare Downs, de Gran Bretaña, guionista e experta analista de guións europeos e tamén participante no programa MEDIA da UE; Daniel Díez Torres, guionista cubano do ICAIC e da Escola Internacional de Cine San Antonio de Los Baños, en La Habana e recoñecido contribuínte ao desenvolvemento da cultura artística e literaria cubanas; Álvaro del Amo, guionista e dramaturgo, director de cine e teatro, crítico musical e novelista español; e o galego Daniel Domínguez, un dous máis experimentados guionistas de Galicia, que dende 2000 traballa como guionista e editor para algunhas das máis coñecidas teleseries galegas.
Guionlab está dirixido polo galego Enrique Nicanor, que conta cunha brillante traxectoria no mundo do audiovisual, (foi director da 2 de TVE, experto e xefe de estudios do EAVE da Unión Europea e director do Master da Escola de Cinematografía de Madrid), acompañado por Pedro A. Ramos García, coordinador do Taller de Escritura 4 Contos, e responsable da coordinación dos guionistas e dos expertos participantes no Laboratorio.
Segunda fase: finais de setembro en Santiago
A segunda fase do Guionlab desenvolverase o 26, 27 e 28 de setembro de 2007 en Santiago de Compostela. Entre ambos prazos haberá un periodo de consultas a distancia de 8 semanas de duración, no que os participantes poderán pedir asesoramento aos expertos para finalmente presentar os seus proxectos na segunda fase do laboratorio cos avances desenvolvidos.
Saúdos do Gabinete de Comunicación, 986 575 201