NOVAS DO SECTOR: CICLO CAHIERS DU CINÉMA PRESENTA: (DES)ENCADERNADOS

4 / 05 / 2007

O Centro Galego de Artes da Imaxe (C/ Durán Loriga, 10 baixo. A Coruña) comezou o día 3 de maio o ciclo Cahiers du cinéma Presenta: (Des)encadernados coa proxección (20.00 horas) da película fancesa Les amants reguliers (2005) de Philippe Garrel. 9 títulos (14 sesións) para un ciclo que se prolongará ata o 26 de maio, motivado pola aparición da edición española da mítica revista francesa Cahiers du Cinéma -o primeiro número se publicará na primeira quincena de maio- e organizado en colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca Española, Filmoteca de Catalunya e Cahiers du Cinéma. CICLO CAHIERS DU CINÉMA PRESENTA: (DES)ENCADERNADOS

O Centro Galego de Artes da Imaxe (C/ Durán Loriga, 10 baixo. A Coruña) comezou o día 3 de maio o ciclo Cahiers du cinéma Presenta: (Des)encadernados coa proxección (20.00 horas) da película fancesa Les amants reguliers (2005) de Philippe Garrel. 9 títulos (14 sesións) para un ciclo que se prolongará ata o 26 de maio, motivado pola aparición da edición española da mítica revista francesa Cahiers du Cinéma -o primeiro número se publicará na primeira quincena de maio- e organizado en colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca Española, Filmoteca de Catalunya e Cahiers du Cinéma. España. Partindo dunha lista de películas seleccionadas polo consello de redacción da revista, o ciclo permite ver algúns dos títulos máis rupturistas e insubmisos do cinema contemporáneo, circunstancia que o relaciona con algúns dos ciclos e seccións da programación do CGAI nos últimos anos. Innovacións narrativas, lingüísticas, estilísticas, fascinación e radicalismo, miradas persoais, heteroxéneas e insobornables, minimalismo, depuración e austeridade, películas de cineastas (de Hou Hsiao-Hsien a Sokurov, pasando por Erice, Nobuhiro Suwa, Wang Bing, o arxentino Lisandro Alonso ou Jean-Marie Straub e Daniele Huillet) que espertan calquera sensación agás a indiferencia. Entre os títulos escollidos na votación o CGAI non inclúe Juventude em marcha de Pedro Costa, proxectada recentemente, e Last Days de Gus Van Sant e Still life de Jia Zhang-ke, pola súa inminente estrea nas pantallas comerciais do noso país.

Texto de presentación de Carlos Losilla.
A corrección política e o exceso de boas maneiras desterraron da linguaxe cotiá algúns termos sen os cales o cine –pero tamén a literatura, ou a pintura— non poderían sobrevivir: entre eles o radicalismo, o extremismo. Por que non ser radicais? Por que non poñer ao espectador contra as cordas do sentido, dos seus límites? Por que non aniquilar todas as súas certezas para salvagardar a excitación da busca constante? Xa non é tempo de facer arte, senón de convertelo en acción política a través do máis íntimo: a nosa percepción do mundo inflúe indefectiblemente no que pensamos del, e por iso máis vale o baleiro que unha imaxe acomodaticia, porque sempre é mellor arriscarse a coñecer o malo que quedar cun falso saber imposto.
Entón, por que non o desasosego? Todos os cineastas cuxas películas integran os ciclos de presentación de Cahiers du Cinéma-España insisten en incomodar a súa audiencia. Algúns desde a exasperación do silencio, desas figuras marmóreas que se plantan fronte á cámara e se negan a caer no simulacro da gran charlatanaría posmoderna. Outros desde os labirintos do relato que interrogan directamente o futuro da narración, que se disolven pouco a pouco ata rematar no grao cero do significado. Hai máis, pero non paga a pena seguir: importa o trazo colectivo, a miúdo atomizado en diferentes escrituras parciais, pero sempre unido pola vontade de axexar ao redor das aparencias. As formas do cine radical xa non pensan, máis ben sospeitan: dos modelos institucionalizados, do saber lexitimado, das imaxes histerizadas polo poder.
Pero iso non redunda na soidade deses cineastas, nin da nosa aposta no seu favor. Nada xorde da nada, e aínda menos eses camiños que nos cegan coa súa promesa de futuro. Ocorre, non obstante, que os antepasados nos quedaban máis cerca, pois houbo un tempo no que a institución cultural os aceptou e adoptou. Agora ninguén se atreve a estrear a Pedro Costa, mentres que hai trinta anos non había ningún problema en visibilizar a Bergman, Antonioni, Resnais, Hellman, Oshima… Dubidamos de que Nobuhiro Suwa sexa máis difícil que Pasolini ou Fassbinder: o que cambiou é o baremo polo que se miden, agora o dunha lóxica económica implacable, un mercado cultural –curiosa contradición de termos— que só está disposto a rendibilizar unha certa estética da obediencia, marxinando calquera indicio de rebelión.
Non obstante, tamén hai que sospeitar das imposturas da novidade: verbi gratia, a dubidosa canonización de grande parte do cine oriental só polo feito de selo. Radical vén de raíz, e é a esas raíces ás que nos debemos remontar. Jia Zhang-ke non é importante pola súa condición de chinés, senón porque o seu cine comeza alí onde o deixou o de John Ford, Yasujiro Ozu e algúns compatriotas seus dos que non sabemos nada, de maneira que o coñecemento destes novos autores pode ser un modo como outro de reescribir a historia do cine. O último Costa provén dos Straub, mentres que Suwa se inspira en Resnais e Rossellini, e Garrel revive a Eustache a través de Renoir.
As xeracións entrecrúzanse, pero os herdeiros xa non dispoñen de prazas públicas nas que lidar, si exceptuamos festivais e pases clandestinos. Non estamos, pois, desviando a atención cara á rareza como resposta á atonía das nosas carteleiras, senón reivindicando os descendentes naturais dos que as ocupaban non hai tanto. O cal, por suposto, tampoco impide o recoñecemento da súa media laranxa: se non foran estreadas, as últimas películas de Clint Eastwood, Richard Linklater ou David Lynch tamén ocuparían un lugar na nosa lista, pois teñen moito máis que ver con Hou Hsiao-hsien, Gus Van Sant ou Alexander Sokurov que co resto das novidades en cartel. E que é iso que comparten? Parafraseando a Serge Daney, as súas imaxes aprenderon a mirar as nosas vidas.
Carlos Losilla, Eloxio do radicalismo. Instrucións para seguir un ciclo.

3 de maio.
LES AMANTS REGULIERS
(Francia, 2005)
Dirección e guión: Philippe Garrel. Fotografía: William Lubtchansky. Produción: Maïa Films, Arte France. Intérpretes: Louis Garrel, Clotilde Hesme, Éric Rulliat, Julien Lucas. Duración: 178 minutos.
Réplica intelixente a Soñadores de Bernardo Bertolucci por parte de Philippe Garrel, director de filmes tan fermosos como La cicatriz interior ou Les hautes solitudes. Un grupo de mozos estudantes abandónase á bohemia en medio dos efluvios do maio do 68 francés. Aparece o romance entre François e Lilie, que se ven enfrontados á crueza da realidade. Por fin recoñecemento e galardóns para Garrel (mellor director en Venecia, premio FIPRESCI da crítica nos premios europeos).

4 e 5 de maio.
KÔHÎ JIKÔ / CAFÉ LUMIÈRE
(Taiwán-Xapón, 2003)
Dirección: Hou Hsiao-Hsien. Guión: Hou Hsiao-Hsien e T´ien-wen Chu. Fotografía: Pin Bing Lee. Produción: Shochiku Company, Asahi Shimbunsha, Sumitomo Corporation, Eisei Gejiko, Imagica Corp. Intérpretes: Yo Hitoto, Tadanobu Asano, Masato Hagiwara. Duración: 108 minutos.
Yoko, unha escritora que volve á casa de seu pai, cóntalle ao seu compañeiro de traballo un soño no que ela ten un cativo en brazos ao que ve derreterse. Yoko procura a súa relación con algún conto ou lenda xaponesa. Homenaxe do taiwanés Hou Hsiao-Hsien (Millennium Mambo) ao mestre Ozu no centenario do seu nacemento, centrándose en elementos afíns como as relacións familiares e as estruturas da vida cotiá.

10 de maio.
ROIS ET REINE / [REIS E RAÍÑA]
(Francia, 2004)
Dirección: Arnaud Desplechin. Guión: Roger Bohbot e Arnaud Desplechin. Fotografía: Eric Gautier. Produción: Why Not Productions, France 2 Cinéma, Rhône-Alpes Cinéma. Intérpretes: Mathieu Amalric, Emmanuelle Devos, Catherine Deneuve, Maurice Garrel. Duración: 150 minutos.
Nora, unha muller de trinta e tantos anos, amou a catro homes: a seu fillo Elías, o pai de Elías, a seu propio pai e Ismael, un músico co que viviu sete anos. A enfermidade do pai e o internamento de Ismael nun psiquiátrico, enturban nun breve período de tempo a vida de Nora. César ao mellor actor, premios da crítica francesa e participación na Mostra de Venecia.

11 e 12 de maio.
SOLNTSE / THE SUN / [O SOL]
(Italia-Reino Unido-Francia-República Checa, 20005)
Dirección e fotografía: Aleksandr Sokurov. Guión: Yuri Arabov e Jeremy Noble. Produción: CNC, CTC, Downtown Pictures, Istituto Luce, Lenfilm Studio, MACT Productions, Network, Nikola Film, Proline Film, RAI, Riforma Films, Russian Federation of Cinematography. Intérpretes: Issei Ogata, Robert Dawson. Duración: 115 minutos.
Retrato do emperador xaponés Hirohito. Sokurov, autor dalgúns dos filmes máis fascinantes dos últimos anos, insiste nas aproximacións a personalidades tiránicas do século XX, terceira parte dunha tetraloxía de títulos que comezara cos coñecidos perfís de Hitler (Moloch, 1999) e Lenin (Taurus, 2001).

14,15 e 16 de maio.
TIE XI QU / À L´OUEST DES RAILS / [AO OESTE DOS RAÍS]
(China, 2003)
Dirección, guión e fotografía: Wang Bing. Produción: Wang Bing Film Workshop. Duración: 550 minutos.
Monumental documental rodado ao longo de dez anos e dividido en tres partes independentes, aínda que inseparables (Ferruxe, Vestixios e Raís), que contempla as mutacións na China contemporánea. A través de Tie Xi, enorme complexo industrial na China profunda, contemplamos tanto o desmantelamento e substitución dun tecido industrial como as dimensións humanas da operación, elaborando a elocuente e minuciosa crónica dunha desaparición a gran escala. Premios en Marsella e México.

21 e 22 de maio.
QUEI LORO INCONTRI
(Italia-Francia, 2006)
Dirección e guión: Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Fotografía: Renato Berta, Jean-Paul Toraille, Marion Befve. Produción: Pierre Grise Productions. Intérpretes: Angela Nugara, Vittorio Vigneti. Duración: 68 minutos.
Baseándose nos Diálogos con Leuco (1947) de Cesare Pavese observamos a derradeira peza do lendario proceso de depuración artística da parella de creadores Straub-Huillet: cinco monólogos declamados por mitos precristiáns, heroes da mitoloxía, ambientados despois da 2ª Guerra Mundial que representan unha sublimación da súa vontade escénica e un cumio de sensibilidade, fixando os temas universais e fundamentais da existencia.

24 de maio.
ALUMBRAMIENTO
(España, 2002)
Dirección e guión: Víctor Erice. Fotografía: Ángel Luis Fernández. Produción: Ruedo Producciones, Nautilus Films. Intérpretes: Ana Sofía Liaño, Pelayo Suárez. Duración: 10 minutos.
Na escuridade as bágoas dun neno que acaba de nacer rompen o silencio dunha noite de verán. De repente, unha pequena mancha vermella xorde do cueiro do bebé. Ninguén se decata. Maxistral curta pertencente á longametraxe colectiva Ten minutes older; The Trumpet, traballo no que un sutil Erice ten como ilustres compañeiros de andanzas a Herzog, Wenders, Jarmusch, Spike Lee e Chen Kaige.

24 de maio.
LOS MUERTOS
(Arxentina, 2004)
Dirección e guión: Lisandro Alonso. Fotografía: Cobi Migliora. Produción: 4L. Intérpretes: Argentino Vargas. Duración: 78 minutos.
Argentino Vargas sae do cárcere despois de cumprir condea por uns asasinatos cometidos. Hamburguesas, viño, unha prostituta e a promesa dun preso son prólogo a unha viaxe. Camiñar entre paxaros e auga removida polos remos para chegar á recuperación dunha filla que xerou e da que apenas se lembra. O radicalismo insubornable de Alonso, empeñado en amosar un pouco a clase de xente que vai andando por aí, resignada, revolvendo entre as sobras, sen pensar no que vai vir.

25 e 26 de maio.
UN COUPLE PARFAIT / [UNHA PARELLA PERFECTA]
(Francia-Xapón. 2005)
Dirección e guión: Nobuhiro Suwa. Fotografía: Caroline Champetier. Produción: Comme des Cinémas, Arte France, Bitters End, CNC. Intérpretes: Valéria Bruni-Tedeschi, Bruno Todeschini, Natalie Boutefeu. Duración: 104 minutos.
Excelente relato baseado nos problemas de relación de parella que sen un guión predeterminado e cun estilo minimalista repleto de planos fixos, introduce a figura esencial de Nobuhiro Suwa (Hiroshima, 1960), cineasta moi capaz de provocar unha relectura da cinematografía europea. Comparado con Antonioni ou Rossellini, o filme acadou éxito de crítica e público en Francia, así como o Gran Premio do Xurado en Locarno.

Gracias pola vosa atención e difusión. Un saúdo cordial.
Para calquera consulta, dúbida ou cuestión

José Manuel Sande
Prensa e Documentación
CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE (CGAI)
Durán Loriga, 10 bajo
15003 A Coruña
Tel: +34 981 203499
Fax: +34 981 204054
www.cgai.org

Categoría: Novas
Etiquetas: