NOVAS DO SECTOR: O CGAI PRESENTA HOXE MARTES NA CORUÑA O LIBRO La última mirada: testamentos fílmicos

24 / 04 / 2007

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta hoxe martes día 24 de abril (20.30 horas), acompañado da proxección de Fraude (1975) de Orson Welles, o libro La última mirada: Testamentos Fílmicos. O Centro Galego de Artes da Imaxe (C/ Durán Loriga, 10 baixo. A Coruña) presenta hoxe martes día 24 de abril (20.30 horas), acompañado da proxección de Fraude (1975) de Orson Welles, o libro La última mirada: Testamentos Fílmicos. No acto intervirán o seu autor, Doménec Font, coñecido escritor cinematográfico, historiador, cineasta, guionista e catedrático de Comunicación Audiovisual e decano da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, ademais de organizador da Mostra/ Congreso de Cine Europeo Contemporáneo de Barcelona (desde o ano 2005), e José Antonio Hurtado, xefe de programación de IVAC-La Filmoteca de Valencia, institución responsable da reedición dunha obra orixinal aparecida no 2000, agora reelaborada e ampliada. A entrada é gratuíta.

O libro representa un lúcido e suxestivo ensaio, premiado no seu día pola Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC), que analiza a construción dunha serie de obras íntimas e confesionais elaboradas por algúns dos máis recoñecidos cineastas que marcaron a Historia do cinema que ben poden funcionar como testamentos ou perfectas sínteses da súa obra. Unha aplicación dos modelos de cine de autor ás obras postremeiras de cineastas que deixan sonatas espectrais (xente como Welles, Godard, Dreyer, Tarkovski, Huston, Ford, Kurosawa, Wilder, Visconti, Oliveira ou Bergman) de enorme beleza e rigor do que o CGAI fixo unha axustada selección, convertida no ciclo Testamentos Fílmicos. O ciclo segue este mes con Gertrud de Carl Theodor Dreyer e remata en maio coa proxección de La habitación verde (1975) de François Truffaut e Ese oscuro objeto del deseo (1977) de Luis Buñuel.

Texto ciclo:
O obxectivo dunha aproximación ao último filme dalgúns directores é o de testemuñar un xesto que nos permite entrar na mirada postremeira dun cineasta e nos misterios da obra de ficción testamenteira […]. Situámonos ante ficcións nas que o autor non está nunca presente posto que desapareceu tras a fabricación e só se pode ofrecer por mediación dos seus personaxes ou encarnarse no corpo do filme. Pero hai nestes relatos fílmicos a mesma vibración existencial que nos autorretratos, idéntico sentimento desa mort au travail á que facía referencia Cocteau, e que acaba por outorgar ás súas obras correspondentes a condición de confesións íntimas.
[…] E é que á marxe das súas valoracións puntuais, as últimas obras de Dreyer, Welles, Ford, Huston, Bergman, Visconti, Buñuel ou Truffaut certifican unha trama vital e unha disposición comprometida fronte ao cine. Pois son ficcións xenerosas ou intelixentes nas que se enmarca tanto o itinerario dunha vida creadora como un proceso de compendio da súa obra antes de poñerlle o punto final. Recapitulación de ningún xeito pomposo sobre un conxunto de ideas que dan forma a introspeccións íntimas presentadas con humildade e sen auréola. En van se buscarán nestas películas-suma as claves dos resortes secretos da existencia, pois todos os directores invocados aquí son inimigos declarados das ideas xerais e dos grandes principios. Tampouco se dan nelas grandes reflexións filosóficas, e de habelas, como ocorre nas últimas obras de Welles, Bergman, Oliveira e, naturalmente, a serie en vídeo de Godard, achéganse ao formulario de Montaigne, isto é, ao ensaio poético entrecruzado con experiencias íntimas e propósitos lixeiros, o reencontro das ideas figurativas cos territorios familiares. En resumo, un conxunto de obras persoais protexidas contra a proba do tempo —algo díficil de soportar no cine— onde se ofrecen os trazos temáticos e estilísticos de cada un dos cineastas cunha sutileza e, nalgúns casos, cunha volta de rosca, decididamente extraordinarias.
[…] Nun fermoso texto sobre Viaje al principio de mundo, René Predal interrógase sobre a obra testamenteira e os seus atributos […] e suxire dous supostos a miúdo imbricados entre si para recoñecela. Por un lado, a vontade de quen realiza o testamento; por outro, a consideración de quen o recibe. […] Hai cineastas que non teñen a necesidade de vestir poeticamente unha retirada e que, non obstante, asumen a despedida como unha decisión moral. É o caso de Buñuel, por exemplo, consciente de cerrar o seu círculo (coa neglixencia e o enigma que sempre o caracterizaron).
[…] Antes de apelar á gravidade fúnebre, cousa nada infrecuente ao referirse aos filmes postremeiros, habería que recoñecer neles a expresión dun proceso fantasmático, espectral, que os sitúa nun lugar narrativo entre o pasado e o presente, o demasiado cerca e o demasiado lonxe. […] En suma, un traxecto entre o soño e a vixilia, o real e o imaxinario; un tempo suspendido próximo á alucinación.

Domènec Font, autor de La última mirada: testamentos fílmicos.

F FOR FAKE / FRAUDE
(Francia-Irán-Alemaña, 1975)
Dirección: Orson Welles. Guión: Orson Welles e Oja Kodar. Produción: Janus Film, Les Films de l´Astrophore, SACI. Fotografía: Gary Graver. Intérpretes: Orson Welles, Oja Kodar, Joseph Cotten, Clifford Irving, Elmyr de Hory. Duración: 85 minutos.
Unha das pezas fundacionais do cinema moderno, sutil e lúdica reflexión que fai cambalear as nocións de documental e ficción. Partindo dun achegamento ás relacións entre a arte, a representación e a mentira, baseada nun filme de François Reichenbach sobre o falsificador Elmyr de Hory, entrevistado por Clifford Irving, autor á súa vez dunha falsa biografía do magnate Howard Hughes, Welles deixa no seu último título (concluído) as pegadas da súa iconoclastia e a capacidade de abrir camiños.

Categoría: Novas
Etiquetas: