NOVAS DO SECTOR: ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR BOLSAS PARA AMPLIAR E PERFECCIONAR ESTUDOS NO ANO 2007

23 / 03 / 2007

Dentro do Plan de Promoción, o Consorcio Audiovisual de Galicia convoca por quinto ano consecutivo as bolsas de estudo para a ampliación ou o perfeccionamento destinadas a profesionais do eido audiovisual ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR BOLSAS PARA AMPLIAR E PERFECCIONAR ESTUDOS NO ANO 2007

Dentro do Plan de Promoción, o Consorcio Audiovisual de Galicia convoca por quinto ano consecutivo as bolsas de estudo para a ampliación ou o perfeccionamento destinadas a profesionais do eido audiovisual.

O programa de bolsas do Consorcio Audiovisual de Galicia, que se vén convocando desde hai cinco anos, ten por obxectivo fomentar a formación, co fin de favorecer o desenvolvemento e a consolidación dos profesionais do sector audiovisual galego.

O anuncio desta resolución publicouse o martes, 20 de marzo, no número 56 do Diario Oficial de Galicia, polo que o prazo de presentación de solicitudes rematará o xoves, 19 de abril, de 2007.

As actividades formativas, que se poden realizar en centros de España ou do estranxeiro, deberán rematar dentro do primeiro trimestre de 2008, aceptándose aquelas que comezaran no último cuadrimestre de 2006. Quedan excluídos os cursos on-line e os destinados á obtención dunha licenciatura, diplomatura ou título de doutoramento. Tampouco se poderá conceder máis dunha axuda por solicitante.

A selección dos beneficiarios realizarase a través dunha Comisión que poñerá especial atención naquelas actividades que pola súa novidade, interese estratéxico, etc. repercutan máis positivamente no conxunto do audiovisual galego. A Comisión valora, ademais, a traxectoria académica e/ou profesional do solicitante, o recoñecemento tanto no Estado como no estranxeiro do centro de estudos e a memoria na que cada solicitante xustifica a súa solicitude indicando os obxectivos previstos coa realización do curso ou actividade formativa.

No 2003 o importe destinado ás bolsas foi de 18.000 ¤, cifra se incrementou nas edicións posteriores ata os 30.000 ¤ actuais, o que permite cubrir, ademais do importe da matrícula, outros gastos relacionados co desprazamento e a estancia dos bolseiros ás cidades onde realizan a actividade pola que lle foi concedida a bolsa.

As actividades formativas apoiadas ata o de agora contemplaron diversos aspectos do audiovisual: masters en artes dixitais ou de escritura de documentais, programas de dirección de empresas audiovisuais, cursos de guionistas, de especialización en comunicación audiovisual, de animación, de dirección cinematográfica, de realización e produción de vídeo, cine e televisión, de formación actoral, de xestión audiovisual, de son e cámaras, etc. Estas actividades foron realizadas en centros de recoñecido prestixio como a ESCAC – Escola Superior de Cinema y Audiovisuais de Cataluña; a Universidade Pompeu Fabra de Barcelona; a Escola Internacional de Cine e Televisión de San Antonio de los Baños en Cuba; a Media Business School; a New York Film Academy; o Estudio Internacional do Actor Juan Carlos Corazza en Madrid; a Asian Academy of Film & Television en Nova Delhi ou o INA – Instituto Nacional do Audiovisual en Francia.

Dende a primeira convocatoria das bolsas, no ano 2003, o Consorcio Audiovisual de Galicia recibiu 153 solicitudes e foron apoiadas 65 actividades formativas.

O interese amosado dende diferentes puntos, a resposta cada vez máis numerosa á convocatoria e os importantes resultados obtidos polos beneficiarios das anteriores edicións contribúen a consolidar o futuro deste programa, pioneiro en España, e que consolida unha vez máis o audiovisual galego como un referente a nivel nacional e internacional.

Categoría: Novas
Etiquetas: