NOVAS DO SECTOR: NANI GARCÍA, NOMEADO AOS PREMIOS DA CRÍTICA MUSICAL CINEMATOGRÁFICA ESPAÑOLA POR DE PROFUNDIS. MAÑÁ É A ENTREGA DE PREMIOS

20 / 03 / 2007

O compositor galego e membro da Academia Galega do Audiovisual Nani García, é un dos nomeados como Mellor Compositor Revelación (categoría na que concurren outros catro nomes, entre músicos nacionais e internacionais) pola música composta para De Profundis NANI GARCÍA, NOMEADO AOS PREMIOS DA CRÍTICA MUSICAL CINEMATOGRÁFICA ESPAÑOLA POR DE PROFUNDIS
OS CRÍTICOS ESPECIALIZADOS INCLÚEN A NANI GARCÍA NA CATEGORÍA DE MELLOR COMPOSITOR REVELACIÓN
Mañá mércores serán entregados os III Premios da Crítica Musical Cinematográfica de España, que organiza a revista especializada Scoremagacine. Esta publicación reúne a críticos especializados en música composta para películas, quen seleccionan os traballos máis destacados estreados durante o pasado ano.
E o compositor galego Nani García é un dos nomeados como Mellor Compositor Revelación (categoría na que concurren outros catro nomes, entre músicos nacionais e internacionais) pola música composta para De Profundis.
O xurado destes premios está composto polas dezanove plumas máis prestixiosas da crítica cinematográfica española, entre xornalistas e profesionais do sector. Os gañadores daránse a coñecer mañá mércores 21 de marzo.
Nani García ven desenvolvendo unha importante carreira como músico para cine, televisión, ballet, teatro, documentais e exposicións dende Galicia (ten máis de 50 obras publicadas), sendo De Profundis a súa obra máis ambiciosa e que foi levada a cabo da man do director Miguelanxo Prado. A música de De Profundis vai máis aló do mero acompañamento das imaxes propias dunha película tradicional, xa que comparte o protagonismo narrativo deste filme de animación sen diálogos.
A música de De Profundis foi interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, gravada nos estudios Mans Scoring Stage e mesturada e sonorizada nos Bruar de A Coruña.

Categoría: Novas
Etiquetas: